O Concello de Teo contará con dúas novas paradas de bus con servizo a primeira hora e melloras nos horarios

En tempada lectiva, o servizo da Silva-Santiago das 15,15 horas adiántase ás 14,45 horas para adecuarse ás necesidades dos usuarios con horarios de tarde

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

A Xunta reforzará desde o vindeiro luns as liñas de autobús no municipio coruñés de Teo con novas paradas, un servizo á primeira hora da mañá ata A Ramallosa e melloras nos horarios das conexións con Santiago e Padrón.

Con estes axustes, segundo informou o Executivo galego, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende ás peticións trasladadas polo Concello e a cidadanía de Teo, ampliando a cobertura do transporte público a máis localidades e adecuando con maior precisión os horarios dalgúns servizos.

A liña da Agrela-A Ramallosa, que conecta a zona limítrofe de Teo e Padrón coa capital municipal, prolóngase para atender a catro paradas máis.

Tres destas paradas son novas e creáronse en poboacións que non contaban con elas como son: os lugares de Buela e Veitureira, en Teo, e no lugar de Bascuas, en Padrón. A outra parada, no Espiño, que será a cabeceira da liña, xa se usaba noutras liñas de transporte público.

Ademais, nesta liña, que pasa a denominarse O Espiño-A Ramallosa, actívase un novo servizo máis temperán dos actuais, ás 7,15 horas, que funcionará baixo demanda de luns a venres laborais durante todo o ano e que permitirá chegar á capital municipal antes das 8,00 horas.

A ampliación da liña e a nova frecuencia mellora a mobilidade dos cidadáns ata a capital do concello e, ao tempo, permítelles acceder na Ramallosa á oferta de servizos de transporte pública que conecta esta localidade con Santiago de Compostela e outros puntos do municipio de Teo.

Na conexión con Santiago, en tempada non lectiva adiántase ás 7,10 horas de saída do servizo da Silva-Santiago de primeira hora da mañá, para que a chegada sexa antes das 8,00 horas, facilitando a marxe de tempo aos usuarios para os seus horarios de traballo, tamén fóra dos períodos escolares.

En tempada lectiva, o servizo da Silva-Santiago das 15,15 horas adiántase ás 14,45 horas para adecuarse ás necesidades dos usuarios con horarios de tarde. Nas conexións entre Teo e Padrón, en tempada non lectiva, os servizos da liña Xoane-Padrón adáptanse aos horarios solicitados polos cidadáns e terán horarios que xa están vixentes nos períodos lectivos.

De luns a venres laborais, á primeira hora da mañá sairá en sentido Padrón-Xoane un servizo ás 7,15 horas e en sentido Xoane-Padrón sairá ás 7,40 horas. Así mesmo, durante os períodos escolares, o servizo da tarde Xoane a Padrón terá saída ás 16,00 horas de luns a venres laborables.

Imaxe dun autobús urbano
Imaxe dun autobús urbano | Fonte: IVECO BUS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta