Trama "mafiosa" entre Ecourense UTE e o sindicato STL?

Os supostos traballadores beneficiados polos contratos debían pagarlle "á armazón" formada polo sindicato e unha entidade colaboradora "co beneplácito e a permisividade da empresa". Era de 70 euros das súas nóminas todos os meses.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/04/2024 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

A Fiscalía de Ourense denunciou ante o xulgado á empresa Ecourense UTE e ao sindicato STL pola posible comisión de tres delitos: corrupción nos negocios, delito continuado de estafa e branqueo de capitais. Así o anunciou este luns a Confederación Intersindical Galega (CIG), que sinalou que a denuncia é a consecuencia da xa presentada polo sindicato e ampliada no 2022 por estes supostos feitos.

O fondo do asunto "é a trama mafiosa" que, asegura a CIG, "consistía en contratacións laborais a cambio de mordidas" que os traballadores beneficiados polos contratos debían pagarlle "á armazón" formada polo sindicato e unha entidade colaboradora "co beneplácito e a permisividade da empresa". Era de 70 euros das súas nóminas todos os meses.

Así o explicou o secretario comarcal da CIG, Anxo Pérez Carballo, indicando que "agora quen denunciou esta práctica irregular xa non é a CIG, é a Fiscalía" e enxalzando que o Ministerio Público "acredita o sistema de mordidas", o sistema de pago dun canon por parte dos traballadores, "acredita que entre decembro do 2018 e xuño do 2023 contrataron a 307 persoas das cales practicamente a metade ían por esa vía".

Carballo apuntou que, actualmente, o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo do Concello de Ourense está en fase de concurso e as empresas que forman parte da actual UTE, Fomento de Construcións e Contratas e Copasa, aspiran á súa adxudicación. A presidenta do Comité de Empresa, Adelina Basteiro, pediu que o Concello "axilice o prego de condicións" para poder "irnos desta UTE que foi un fracaso desde o minuto uno ata o último".

Ecourense
Ecourense | Fonte: Copasa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta