Pistas para entender como será a futura Xunta e algúns dos novos conselleiros de Rueda

Haberá cambios no organigrama do Goberno galego, tanto en consellerías, como en secretarías e direccións xerais. Tamén haberá novos conselleiros e conselleiras. Rueda avanzou polo miúdo algúns destes cambios durante o discurso de investidura.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A política galega mantense expectante por saber se os cambios prometidos polo presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, serán fondos ou só unha mera maquillaxe do que xa tiña. E, certamente, durante o seu discurso de investidura deixou algunha pista do que quere que sexa o seu primeiro goberno sen a tutelaxe de Feijóo. Son pistas pequenas pero amosan xa o que quere facer o líder do PP en San Caetano.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, é aplaudido durante o segundo debate de investidura.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, é aplaudido durante o segundo debate de investidura.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Os principais cambios anunciados este martes van en diferentes liñas e amosan o que quere facer os vindeiros catro anos; continuar co seu enfrontamento co Goberno central, dividir as competencias de Cultura e Educación e aumentar o peso da economía e da industria.

Na primeira das liñas, a máis política e de confrontación directa co Goberno de Pedro Sánchez, Rueda anunciou que na Presidencia da Xunta, é dicir, a súa, e baixo o paraugas da Asesoría Xurídica, crearase unha nova dirección de Asuntos Constitucionais, encargada especialmente de coordinar a defensa da lexislación galega ante o Estado. É dicir, un departamento que se encargará de coordinar a estratexia de confrontación, ou colaboración, segundo sexa o caso, con Madrid.

Outros dos cambios anunciados na súa estrutura van na área educativa e cultura. Actualmente todas estas competencias están nunha única área; na Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades. Rueda suxeriu que este departamento poderá ser dividido en dous con Educación por un lado e Cultura polo outro.

Así, destacou que as responsabilidades de investigación científica, antes na Consellería de Economía, pasarán a centralizarse na de Educación. Tamén aludiu á innovación como un área que pode pasar a depender de Educación. "Impulsaremos o I+D+i con selo galego desde un único departamento, o mesmo con competencias sobre as universidades e centros singulares de investigación", apuntou. Ademais sinalou que Cultura e Política Lingüística gañarán "peso", sen especificar en que sentido, nin tampouco se Turismo volverá a pasar a depender de Cultura como na época de Fraga.

ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Outras das pistas de Rueda para o seu futuro executivo teñen que ver coa área de conomía e industria. Así, no ámbito económico e ligado á súa oferta de pacto pola industria e a enerxía, Rueda tamén avanzou cambios na localización de competencias. Tanto é así que as de ordenación do chan industrial --ata agora vinculadas a Urbanismo-- pasarán a integrarse na Consellería de Industria para que ningún proxecto "deixe de ser viable por falta de chan". Unha clara alusión a tentar atraer grandes proxectos industrias, como o de Altri.

Así mesmo, para centralizar e reforzar no próximo Executivo galego toda a tramitación normativa dos proxectos de enerxías renovables, principalmente as eólicas que é unha teima do executivo de Rueda --e antes de Feijóo--, todas estas competencias estarán agrupadas na Consellería de Medio Ambiente.

Outro dos cambios serán no eido do emprego e emigración. Neste sentido apostou por mellorar a vinculación entre retorno e emprendimento, e mercado laboral e, por iso, anunciou que as competencias de Emigración pasarán a estar na mesma Consellería que as de Emprego.

Chamou a atención no discurso de Rueda que non fixera alusión a cambios na Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, especialmente, para dotar a esta última área, dun departamento propio. Nas últimas semanas Rueda ten insistido en que a vivenda é unha das súas prioridades no futuro executivo. Con todo, fontes parlamentarias consultadas por GC indican que esa pode ser unha das cartas que pode ter gardada como réplica aos grupos da oposición na sesión plenaria do xoves.

FUTUROS CONSELLEIROS

Tampouco quixo desvelar nada o líder do PPdeG sobre a composición e os nomes do seu futuro gabinete. Con todo, e ante o anuncio de cambios no organigrama, comezan a soar diferentes nomes, cada vez con máis forza.

Un dos que que máis se repite é o do actual secretario xeral, Valentín García, que figura tamén nas quinielas como posible titular dun departamento máis centrado na área cultural e lingüística no que caso de que Rueda decida dividir a consellería que a día de hoxe dirixe Román Rodríguez. Deste xeito, García quedaría na área cultural e lingüística e Rodríguez na educativa e científica. Son dous perfiles moi políticos para dúas áres que Rueda dixo que "gañarán peso".

O protagonismo de García nas quinielas está reforzado polo feito de que os populares lle encomendaron unha tarefa de especial relevancia orgánica na última cita coas urnas: coordinar un programa electoral cuxas medidas volveu a debullar --esta vez como compromisos firmes en sede parlamentaria-- este mesmo martes o líder do PPdeG.

Tamén os novos cambios na Consellería de Emprego poden dar lugar a un cambio de nomes. Ata agora a Secretaría Xeral de Emigración, que dirixiu ata o seu cesamento para ir nas listas Antonio Rodríguez Miranda, dependía directamente de Presidencia e é un perfil moi político, como lle gusta a Rueda. A titular en funcións da Consellería de Emprego é a ourensá Elena Rivo que entrou no goberno galego tras a marcha de Feijóo e cuxa proxección política  estes dous anos e medio foi moi discreta.

Outro perfil político que podería entrar na Xunta é o de María Martínez Allegue, número tres nas listas do PP de Pontevedra. Fontes consultadas apuntan a que ben podería acabar cubrindo o oco que deixou Ethel Vázquez na Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa que tamén ten experiencia nese departamento como ex directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu). Outras fontes a vinculan cunha futura Consellería de Vivenda e aluden a que xa ten tamén experiencia como xefe provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo en Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta