Reaccións Sánchez.- A política galega revolucionada tras a súa decisión de continuar no Goberno

Dirixentes políticos de todos os partidos, alcaldes e dirixentes sociais e sindicais de Galicia tamén se pronuncian logo da decisión de Pedro Sánchez de non dimitir.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 29/04/2024 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cargou contra o que cualificou de "teatralización bastante absurda" do xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, convencido de que "o mércores xa sabía o que ía dicir o luns" e de que o seu período de reflexión para confirmar finalmente que continúa na Moncloa non lle fixo "ningún favor ao país".

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, á súa chegada a unha sesión de control ao Goberno
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, á súa chegada a unha sesión de control ao Goberno | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press

Recoñeceu que, aínda que a el gustaríalle crer a Sánchez, que tamén é o seu "presidente, o presidente do Goberno de España", pero non é capaz de facelo porque "lamentablemente hai demasiados exemplos" que lle sitúan na óptica contraria. É máis, engadiu, que mesmo o seu pronunciamento deste luns "convida moi pouco a confiar" no líder socialista. "Isto, loxicamente, son impresións persoais. Pero a miña impresión persoal é que sabía perfectamente o que ía facer desde o día que fixo o anuncio. Por tanto, esta teatralización bastante absurda á que nos levou estou seguro de que non lle fixo ningún favor ao país. O saberá por que o fai", agregou.

PARA PONTÓN TOMOU A "DECISIÓN SENSATA"

O BNG considera "sensata" a decisión do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de seguir á fronte do Executivo pero cre que este impás "non pode quedar nun período de reflexión ou unha declaración" pública e debe ir acompañada da adopción de medidas que supoñan "cambios estruturais" para "rexenerar" a democracia no Estado e terminar coa política "do lodo, o 'lawfare' e a descualificación persoal". Así o manifestaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego nunha comparecencia de prensa este luns no Parlamento de Galicia. 

Para Pontón, Sánchez tomou a decisión "sensata" porque a súa dimisión "sería no fondo unha vitoria dos que non asumen o resultado democrático expresado nas urnas" desde estamentos "mediáticos, xudiciais e políticos que están empeñados en torcer o pulso á vontade da maioría social". Neste sentido, asegurou que en Galicia se coñecen "moi ben" as "tácticas destrutivas" do PP, "baseadas no insulto, as mentiras e a descualificación persoal", que parte da forma dos populares "de enteder a política como unha forma de ocupar o poder" que os leva a "fagocitar" as institucións "e deslexitimizar o resultado das urnas" cando non lle son favorables.

"Hoxe (este luns) queda evidenciado que o 'lawfare' existe. O PSOE mirou para outro lado e mesmo se beneficiou. Agora que o denuncia, é o momento de actuar", sentenciou Néstor Rego, que pide aos socialistas e o seu líder que "actúen" porque "senón todo qudará nunha retórica baleira". "É o momento de avanzar en democracia", apostilou.

BESTEIRO CELEBRA A "DECISIÓN VALENTE"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou a "decisión valente" do presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez. "É un paso adiante regenerador que nos vai a fortalecer", destacou. O xefe de filas dos socialistas galegos destacou que, na súa comparecencia deste luns, na que comunicou a súa continuidade na Presidencia do Goberno, Sánchez "lanzou un reto", que pasa por "a rexeneración democrática".

Un día despois de que os socialistas galegos celebrasen en Santiago de Compostela o congreso extraordinario no que Besteiro colleu formalmente o mando do PSdeG, o político lucense puxo en valor que Sánchez escoitase a todos os socialistas que lle transmitiron estes días o apoio para continuar á fronte do Goberno de España. Todo iso, dixo, cunha reflexión coa que demostrou tamén "ser un home destes tempos", que "expresa os seus sentimentos", pero que "tomou unha decisión valente de non dar un paso atrás e non ceder ao acoso", senón de "porse á fronte da sociedade, do país e apostar pola rexeneración democrática".

ABEL CABALLERO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este luns a decisión de Pedro Sánchez, de permanecer á fronte do Goberno, e constatou que o presidente, con esa decisión, "acantoa e pon en evidencia aos calumniadores", e que "a democracia se abriu paso unha vez máis".

Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívíco proclamou que Sánchez, "hoxe acantoou ao peor da política", ao pór en evidencia "aos calumniadores, aos que utilizan o 'fake' como arma política, aos que tentan destruír, mesmo mental e civilmente ao adversario".

Segundo Abel Caballero, "hoxe volve valer a pena estar en política", para traballar "pola xente", para defender ao país, "para que España creza. "As mentiras e calumnias quedan para os mentireiros e calumniadores", sinalou, pero lanzou unha advertencia: "A partir de agora xa non se vai a poder calumniar e que non pase nada, agora pasarán cousas".

JOSÉ TOMÉ E AITOR BOUZA

"Unha excelente noticia" que achega "tranquilidade e normalidade" en "un momento de crecemento económico e crecemento do emprego". Así cualificou o secretario xeral do PsdeG na provincia de Lugo, José Tomé, o anuncio de Sánchez. "O máis importante é que o presidente segue á fronte do Goberno de España", declarou Tomé, que destacou o "gran labor" realizado ata o momento por Sánchez, a quen definiu como "un home moi valorado en Europa". "Incluso a presidenta da Unión Europea, Ursula Von der Leyen, do Partido Conservador, ten unha excelente relación con el e consúltalle moitas cousas ao presidente", exemplificou. 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, celebrou a continuidade de Pedro Sánchez na Presidencia do Goberno ao asegurar que "gaña a democracia". Sostivo que se "confirma" que a política de progreso van continuar en España e que "van seguir adiante os proxectos pendentes" do Estado na cidade, grazas ao compromiso de "Sánchez".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta