Por Galicia Confidencial | Ourense | 12/04/2024 | Actualizada ás 09:00
O VI Car Outlet ofrecerá a vindeira fin de semana en Expourense máis de 400 coches con ofertas moi especiais. O obxectivo desta cita é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra.
Esta sexta edición foi presentada este mércores 10 de abril en Expourense nun acto no que interviron a xefa territorial da Consellería de Economía, Alicia López; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o presidente de ACAUTO, Ramón Seijas que estivo acompañado por boa parte da directiva da Asociación.
UN DOS MELLORES ESCAPARATES DE GALICIA
O VI Car Outlet ofrece 400 vehículos que representan os catro eixos do mercado de ocasión: os quilómetro cero (novos que se venden así por obxectivos comerciais que indica o fabricante); vehículos de servizo (demostración ou cortesía) con antigüidade de ata 1 ano e con 15.000 kilómetros de media; seminovos (ata 5 anos de froito de renting empresarial ou operacións financeiras con garantía de recompra); e os de ocasión (que foron empregados por un particular e entregado no concesionario a cambio doutro).
Ademais da ampla variedade de posibilidades devanditas, este encontro comercial tamén destaca polas facilidades de financiamento, seguros ou outros servizos engadidos, e, por suposto, coa garantía e solvencia que ofrecen os concesionarios oficiais. Ademais, este tipo de vehículos véndense con entrega inmediata.
RECOMENDACIÓNS DE A.C.A.U.T.O
Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares. Por lei hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis nalgún caso. As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.
O MERCADO DE OCASIÓN EN GALICIA
Na actualidade, no mercado de ocasión a franxa de idade máis demandada e vendida son os vehículos de entre 3 e 7 anos e serán estes os que máis fácil será atopar nesta edición.Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares, o que provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta.
Este salón preséntase tamén como unha oportunidade para rexuvenecer o parque automobilístico galego, un dos máis antigos de España na actualidade cunha idade media de 14 anos.
HORARIOS E SERVIZO DE LUDOTECA
O horario de apertura do salón será venres 12 de abril de 11:00 a 20:30 h., sábado 13 de 10:00 a 20:30 h. e o domingo 14 de 11:00 a 20:00 h. A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.
O salón contará con Servizo de Ludoteca Gratuíto que terá o seguinte horario: venres 12 de 17:00 a 20:30 h.; sábado de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 h. e domingo de 12:00 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 h.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.