Por Galicia Confidencial | Mondoñedo | 03/10/2015 | Actualizada ás 11:00
A conquista romana de Galicia semella que comeza a estar de moda. Comezábase a semana coa posible existencia de seis novos campamentos romanos na antiga Gallaecia e remata coa catalogación oficial, por parte da Xunta, doutro novo campamento en Mondoñedo.
Foi o servizo de Arqueoloxía do Concello de Mondoñedo quen informou da aparición de dous novos restos arqueolóxicos no municipio a partir de traballos de investigación e prospección que foron comunicados á Dirección Xeral de Patrimonio. Pouco despois, oServizo de Arqueoloxía da Delegación lucense da Dirección Xeral de Patrimonio visitou os lugares, acompañado polos servizos locais, e procedeu á catalogación dos dous bens.
Un dos restos é menhir de case tres metros de altura localizado nas proximidades do Pico da Toxiza. O outro xacemento parecer ser un Castra Aestiva, un campamento militar romano de campaña, atopado preto da parroquia de Estelo.
Un campamento que se suma aos seis novos dados a coñecer esta mesma semana no congreso LIMES 2015 en Ingolstadt( Alemaña) no marco dunha investigación deste tipo de fortificacións romanas en todo o noroeste peninsular.
Cinco destes novos campamentos localizados parecen conformar unha vía de penetración militar no territorio. Un está localizado en Valboa, en Vilafranca do Bierzo, nas portas da vía de acceso natural a Galicia. Tres están situados na Cha de Santa Marta, entre Sarria e Láncara, unha planicie á saída das montañas orientáis galegas e que os investigadores identifican como unha posible base loxística romana na que se agruparían e prepararían as tropas antes de entrar no territorio.
Dous destes recintos foran identificados previamente, pero non publicados, por Luís López, da empresa Terra Arqueos. Outro campamento inédito atópase ao carón dun paso natural do Miño, no Monte dos Trollos (O Páramo). A xeito hipotético, os investigadores sinalan a posibilidade de que os campamentos estean indicando un roteiro natural de penetración no territorio galaico ou de flanqueo das montañas ástures occidentais.
A maiores, os investigadores presentaron dous campamentos novos de grandes dimensións na zona occidental de Galicia. O recinto de Campos, ubicado no concello de Vilanova da Cerveira (Portugal), na ribeira sur do río Miño, e o de Cornado (Negreira).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.