Santiago tamén se suma ao préstamo da bicicletas grazas a un proxecto da USC

A universidade lanza o programa piloto 'éBici'. Haberá 20 bicicletas en catro postos instalados nas facultades de Filoloxía e Odontoloxía, na Concepción Arenal e no Clínico.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 12/04/2024 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) porá en marcha o vindeiro luns o programa piloto 'éBici', un novo proxecto de préstamo gratuíto de bicicletas eléctricas e convencionais na capital galega dirixido á comunidade universitaria e que conta tamén coa colaboración do Concello.

O programa terá na súa fase piloto unha vintena de bicicletas en catro postos, que estarán nas facultades de Filoloxía e de Odontoloxía, na Biblioteca Concepción Arenal e no Hospital Clínico.

Tal e como explicou o reitor da USC, Antonio López, a idea con esta proba é "testar a intensidade do uso", así como saber "cales son os puntos que demandan máis ou menos" para poder adaptar a oferta do servizo en función das necesidades. Ademais, sinalou que se trata tamén de "unha aposta pola sustentabilidade, por favorecer aos medios de comunicación máis respectuosos co medioambiente e promover condutas saudables".

Pola súa banda, o xerente da USC, Javier Ferreira, manifestou que progresivamente se irán incorporando máis bicicletas e, segundo avanzou, a idea é "testalo este cuadrimestre e para o curso que vén avanzar nunha proposta moito máis ambiciosa" e que chegue a outros lugares como a Estación Intermodal.

FUNCIONAMENTO

As persoas que queiran utilizar as bicicletas poden rexistrarse nunha aplicación, na que tamén se pode consultar cantas bicicletas hai dispoñibles en cada parada, informar de posibles incidencias e consultar toda a información sobre o programa de préstamo.

Precisamente, sobre o funcionamento, o responsable de Deportes da USC, Javier Rico, detallou que o servizo, que require un investimento de máis de 100.000 euros, estará activo entre as 08,00 horas e as 21,30 horas, "hora de apertura da maioría dos centros".

Ademais, explicou que haberá unha furgoneta que se moverá en función de se hai algún problema con algunha bicicleta e as paradas terán unha vixilancia 24 horas. Haberá tamén unha caixa de correos de suxestións, un teléfono e un correo electrónico operativo. O obxectivo desta proba piloto, insistiu, é "probar o sistema, recoller incidencias para poder mellorar o servizo e que se poida ampliar no futuro". Tamén incidiu na necesidade de coidar o material e de realizar un uso "eficiente".

COLABORACIÓN CONCELLO

En canto á colaboración do Concello coa USC neste proxecto, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou que consistiu na subministración de seis bicicletas, catro delas eléctricas, e na sinalización do percorrido prioritario para as persoas usuarias.

En concreto, detallou, realizáronse traballos de pintado para indicar a prioridade ciclista e os límites de velocidade de 20 e 30 quilómetros/hora, segundo a zona, e instaláronse tamén 30 sinais verticais de preferencia ciclista. "Este é o mandato da mobilidade en Compostela", defendeu Xan Duro.

Así, aínda que recoñeceu que un carril bici na capital galega non é sinxelo, apostou por "darlle a volta á pirámide de transporte" e pór á cabeza "camiñar, a bicicleta e o transporte público e que o uso de vehículo sexa o estritamente necesario e non abusivo". Para a alcaldesa, Goretti Sanmartín, esta iniciativa abre a porta "a medio longo prazo" a que se inicie un proceso no que se favoreza un cambio de mobilidade e apostar pola bicicleta.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmatín, e o reitor da USC, Antonio López, participan na presentación do proxecto piloto 'éBici'.. CONCELLO DE SANTIAGO
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmatín, e o reitor da USC, Antonio López, participan na presentación do proxecto piloto 'éBici'.. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta