Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 13/04/2024 | Actualizada ás 16:11
Un total de 17 barcos, 32 mergulladores e 62 voluntarios, todos convocados por Afundación, participaron este sábado nun gran operativo de limpeza de lixo mariño nos fondos marisqueiros que rodean ao illote Guidoiro Areoso e no seu areal. En total, conseguiron retirar máis de 1.300 quilos de residuos, fundamentalmente útiles extraviados durante os labores pesqueiros, como restos de redes, cordas, cabos, nasas e pneumáticos, así como residuos plásticos.
Os mergulladores da Confraría de pescadores da Illa de Arousa e submarinistas e persoal de apoio do Club Subacuático Pérez-Sub foron os encargados de retirar o lixo no mar. A xornada contou tamén coa colaboración da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, o Servizo Marítimo da Garda Civil, Protección Civil de Vilanova de Arousa, e o Concello da Illa de Arousa. O alcalde, Luís Arousa, sumouse tamén ao operativo participando nos labores de limpezas.
Como novidade respecto das anteriores limpezas levadas a cabo no marco do programa ambiental 'Plancto' nesta zona, nesta ocasión, un reducido grupo de persoas voluntarias do programa Actúa desembarcou nun dos areais do illote. Este grupo recolleu fundamentalmente envases e diversos obxectos plásticos, metálicos e de vidro.
En total, do propio illote retiráronse 100 quilos de lixo mariño e 40 quilos de 'Carpobrotus edulis', unha especie exótica invasora, coñecida como uña de gato. Todo o lixo recollido durante as case dúas horas dedicadas ás inmersións e recollida en terra, depositouse nunha embarcación de apoio facilitada por Dragados Osmar, que transportou os residuos ao Proto de Xufre para a súa posterior clasificación e pesada antes de ser trasladalo para o seu tratamento. Tras esta xornada, no marco deste plan de conservación territorial impulsado por Afundación retiráronse xa dos fondos e costas de Galicia máis de 67 toneladas de lixo mariño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.