Denuncian que o helicóptero do 061 con base en Santiago estará inoperativo ata o venres, sen aeronave substituta

A CIG alerta ademais de que próximamente ocorrerá o mesmo co helicóptero con base en Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2024 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O sindicato CIG denunciou que o helicóptero medicalizado con base en Santiago (H3) está inoperativo ata o venres desta semana, debido a unha operación técnica de instalación dunha caixa de comunicacións, sen que se puxera a disposición unha aeronave de substitución. Segundo explicou a central nacionalista nun comunicado, os pregos do servizo establecen que a empresa adxudicataria debe dispor dun aparello de substitución, pero Eliance Helicopter Services "non vai cumprir esa cláusula dos pregos".

A CIG apuntou que esta situación "se dá no marco temporal de cambio de contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo do 061. O novo contrato, lembrou o sindicato, foi formalizado o pasado 18 de marzo, despois de que a primeira licitación quedase deserta, e volveuse a licitar o servizo por 3 millóns de euros máis.

Helicóptero e ambulancia de Urxencias Sanitarias 061 Galicia
Helicóptero e ambulancia de Urxencias Sanitarias 061 Galicia | Fonte: Europa Press

O helicóptero H3 chegou á base de Santiago en febreiro "coa intención de que quedase xa para prestar servizo co novo contrato", pero estivo inoperativo debido a que "non había espazo suficiente no asento do persoal médico". "Ademais desta deficiencia, o aparello presentaba outras que quedaron pendentes de arranxar, unha delas a instalación dunha caixa de comunicacións", explicaron, en alusión ao motivo polo que agora estará parado.

A CIG denunciou que, ademais do incumprimento do contrato, esta situación supón un prexuízo para os usuarios do Sergas, que "quedan privados deste medio de atención ás emerxencias durante catro días". Ademais, advertiu o sindicato, "espérase que o mesmo ocorra co helicóptero con base en Ourense en próximas datas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta