Extinguido o incendio de Crecente tras arrasar con 170 hectáreas, ás que se suman outras 24 en Oímbra

Ambos os lumes quedaron extinguidos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2024 | Actualizada ás 09:59

Comparte esta noticia

O incendio forestal declarado no municipio pontevedrés de Crecente, na parroquia de Angudes, quedou extinguido ás 13.50 horas deste mércores despois de arrasar 170 hectáreas (160 de monte arboledo e 10 de monte raso). Diso informou nun comunicado a Consellería de Medio Rural, que apunta á "clara intencionalidade" do lume ao iniciarse na tarde do pasado luns en tres focos simultáneos.

Axentes dos equipos de bombeiros traballan no lugar do incendio, a 16 de abril de 2024, en Crecente
Axentes dos equipos de bombeiros traballan no lugar do incendio, a 16 de abril de 2024, en Crecente | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

Neste sentido, o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, tamén asegurou o pasado martes a Europa Press que "non hai ningunha dúbida" de que o incendio iniciado en tres focos diferentes no municipio "foi intencionado". Nos labores de extinción participaron: catro helicópteros, dous avións, 27 motobombas, 55 brigadas, 30 axentes, tres técnicos e dúas pas. En concreto, este lume é o segundo de maior superficie queimada no que vai de 2024 en Galicia, por detrás das 190 hectáreas queimadas polo incendio de Trabada que tivo lugar en febreiro.

Hai que lembrar que este mércores tamén quedou extinguido un incendio que queimou un total de 23,45 hectáreas no municipio ourensán de Oímbra tras iniciarse minutos antes da medianoite do mércores. Este declarouse na parroquia da Granxa, nunha zona fronteiriza con Portugal, e foi dado por controlado antes das 04.00 horas e extinguido ao redor das 12. O lume comezou en dous puntos simultáneos, o que para a Xunta evidencia unha "clara intencionalidade". Na zona traballaron tres axentes, dez brigadas e seis motobombas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta