Por gcdeportes | Ferrol | 07/10/2015 | Actualizada ás 08:58
No Pazo de Raxoi en Compostela, no Vao en Vigo, no concello de Pontevedra, en Pasarón… Faltaba a da súa cidade, Ferrol, aínda que afincado en Pontevedra por mor dos adestramentos. “Todas as homenaxes son especiais, pero coa miña xente, na miña cidade, aínda máis. Aquí pasei a maior parte da miña vida”. Javier Gómez Noya, histórico pentacampeón mundial de tríatlon, recibiu este martes a cálida homenaxe de Ferrol, a cidade que o viu medrar tanto a nivel persoal como deportivo.
“Moitas grazas a todos os ferroláns pola homenaxe... Moi emocionante! E a Riff Raff por deixarme tocar con eles!”, foi o agradecemento de Gómez Noya nas redes sociais tralo acto. O ferrolán fixo historia o pasado 20 de setembro ao acadar o seu quinto título Mundial de tríatlon, algo que ninguén fixo ata o de agora. Dende entón, son continuas as homenaxes na súa terra, e desta volta tocoulle a Ferrol, de onde adestramentos, viaxes e competicións manteñen afastado ao deportista criado na Cabana.
A celebración comezou no concello de Ferrol, onde o campión galego foi recibido pola corporación municipal, co alcalde Jorge Suárez á cabeza. O rexedor anunciou a concesión a Javi Gómez Noya da Medalla de Prata da cidade ao mérito deportivo, máxima distinción que a día de hoxe pode outorgar o concello, ao mesmo tempo que iniciará os trámites para poder conceder a de Ouro no caso de que o triatleta ferrolán gañe os Xogos de Río o vindeiro 18 de agosto.
“Para os meus amigos do Concello de Ferrol, en agradecemento polo seu apoio durante todos estes anos, tanto á miña persoa como ao deporte local”, escribiu no Libro de Ouro da cidade Gómez Noya, que xa pensa no seu próximo obxectivo en Río, para o cal adestrará ata a primaveira no extranxeiro, para voltar en maio a Pontevedra.
A segunda parte da homenaxe foi no auditorio de Caranza, cheo de rapaces dos disntintos clubs deportivos da cidade. A humildade, o traballo e a capacidade de sacrificio do campión mundial foron destacados por todos os que subiron ao escenario. “Javi fixo da responsabilidade e do traballo a súa forma de vida”, dixo Cali Formoso, presidente do Club Triatlón Ferrol, que salientou que “de pequeno xa era un fenómeno”. “Moitas grazas por levar o nome de Ferrol polo mundo enteiro”, dixo o alcalde.
“Vou necesitar tempo para asimilar todo o que fun conseguindo”, dixo o cinco veces campión mundial, que agarda ser unha inspiración e exemplo para todos os deportistas novos que acudiron a velo. “Eu tamén tiven a vosa idade e os soños moitas veces se cumpren. Sen esforzo non se consigue nada”, dixo Gómez Noya que, como xa ten feito noutras ocasións, rematou tocando no escenario cos ferroláns de Riff Raff o ‘Highway to Hell’ de AC/DC. Fin de festa para a homenaxe ao ferrolán máis universal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.