Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/04/2024 | Actualizada ás 18:48
Os grupos de goberno en Santiago de Compostela, CA e BNG, levaron ao pleno municipal deste mércores unha iniciativa para pedir o apoio dos grupos para expresar o rexeitamento da cidade á instalación da fábrica de Greenfiber (Altri) en Palas de Rei, unha moción que foi retirada da orde do día ao rexeitar a oposición unha corrección nun dos seus puntos.
O motivo foi que o segundo dos puntos da iniciativa reclamaba que se emitise desde o Goberno galego un informe ambiental desfavorable para a planta, algo que criticaron tanto PSOE como PP, indicando que o sentido do informe é exclusivamente competencia dos técnicos que o realiza.
BNG e Compostela Aberta indicaron entón que esta referencia fora un erro e pediron que se retirase da moción, algo que aceptou o secretario municipal, pero ao que se opuxeron tanto PSOE como PP. Ante a controversia xerada, a alcaldesa optou por retirar a moción.
No entanto, a iniciativa se chegou a debaterse nunha sesión na que o edil Xan Duro (CA) considerou que o "rexeitamento" social a esta instalación é "máis que evidente", con "máis de 20.000 alegacións" presentadas contra o proxecto.
Duro criticou a "tramitación nada transparente que fixo a Xunta" e como "un proxecto circular e sustentable acabou derivando nunha macroplanta de celulosa". Pola súa banda, Iago Lestegás (BNG) evidenciou a súa "preocupación" por este proxecto que, dixo, "non ten nada de circular nin de sustentable" e que contribúe á "eucaliptización" de Galicia.
Fronte a iso, o PP viu un "prexuízo imaxinario e dogmático" e acusou a CA e BNG de "apostar pola sustentabilidade sen desenvolvemento económico", algo que, dixo Evaristo Ben, "é máis fácil, pero máis empobrecedor". Finalmente, a edil socialista Mila Castro asegurou que este non é o momento adecuado para traer a pleno esta iniciativa, instando a "esperar a que pare o ruído e que a Xunta aclare" o proxecto.
Para a concelleira do PSOE, nunha "espiral de pronunciamentos contraditorios", a cidadanía "necesita claridade sobre este tema", polo que reclamou á Xunta que "xustifique a importancia estratéxica que lle deron a esta planta", así como a súa "viabilidade económica" e a dependencia de financiamento público e as súas implicacións ambientais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.