Temas: FUXIDAS

SES, Los Secretos, Martín Camiña e Javier Veiga nas San Lucas 2015

Chegou o tempo de “sanluquear”. Cabalos pateando o empedrado de Mondoñedo, pasarrúas tradicionais, teatro, concertos, pratos de polbo, atraccións, verbenas… As San Lucas son feira, son festa e son, ante todo, un lugar de encontro.

Por GC Tendencias | Mondoñedo | 14/10/2015 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Mondoñedo celebra estes días unha das feiras tradicionais máis importantes de Galicia. Aínda que a súa orixe se lle atribúe ao bispo Martín que as iniciou para celebrar a consagración da catedral no ano 1.246 todo apunta a que o seu inicio se remonta ao 1.156, ano no que Alfonso VII concedeu unha festa de oito días a esta vila.

Cartel As San Lucas
Cartel As San Lucas

As Feiras das San Lucas chegaron a durar quince días, sendo nas súas orixes fundamentalmente de gando, para quedar nos cinco días actuais nos que, aínda sendo o protagonista o gando cabalar, o carácter dos eventos organizados é moito máis variado.

Así, o programa das festas deste ano comezará o vindeiro día 16 e rematará o 20 de outubro. A continuación un resumo do máis salientábel:

venres 16 pola mañá terá lugar o disparo de bombas e emborcar das campás maiores da catedral anunciando o comezo oficial das San Lucas. Pola tarde farase a ofrenda floral na tumba do Mariscal Pardo de Cela e a continuación haberá unha representación teatral na Praza da Catedral, “As donas do ar”, obra escrita e dirixida polo dramaturgo Manuel Lourenzo. Para as 20.30 horas está prevista a lectura do pregón das festas no Auditorio Pascual Veiga, pregón que virá da man de Jenaro Castro Muíña, licenciado en xornalismo, director dos informativos non diarios de Televisión Española e director e presentador do programa Informe Semanal. Para rematar o día, verbena amenizada polas orquestras Sintonía de Vigo e Orquestra da Televisión.

sábado 17, coñecido como “día das vésperas”, comezará con actividades ecuestres matinais para honrar a figura do cabalo, protagonista das San Lucas. A primeira hora da tarde terá lugar o Encontro de Música e Baile tradicionais e cara as 18.30 horas será a chegada tradicional dos cabalos polas rúas ata o Campo da Feira. Como di Miguel Souto, presidente da Asociación As San Lucas: “segundo a tradición, os gandeiros xuntan os cabalos que estiveron todo o ano en liberdade pacendo nos montes da comarca, e nunha gran manada tráenos para a feira. Trátase, pois, dun espectáculo etnográfico de relevancia que cada ano atrae a máis turistas e amosa unha das mellores estampas das San Lucas”. E pola noite, teatro e monólogos: o Clube Teatral Elsinor presenta ás 19.30 horas na Casa da Xuventude a obra “A xente pálida pel” de Álvaro Cunqueiro, e Javier Veiga ás 21.15 horas faranos rir coas súas historias no Auditorio Pascual Veiga. A verbena estará amenizada polas orquestras Miramar e Claxxon.

Ses
Ses

domingo 18 é o día grande das San Lucas no que os cabalos son os auténticos protagonistas coa gran Feira Tradicional de gando cabalar cun programa intenso de actividades como por exemplo concursos e exhibicións de doma. E como a festa non pode parar, pola noite dous pratos fortes: actuación no auditorio do grupo de rock Los Secretos ás 19.00 horas (15 € anticipada e 20 € taquilla) e de Ses ás 21.00 horas na Praza da Catedral (entrada de balde). Para rematar a xornada, verbena a cargo das orquestras Fania e Jerusalén.

luns 19, coñecido popularmente como “día do medio” haberá pasarrúas de grupos de gaitas e monicreques pola mañá e concurso de andadura e teatro pola tarde. Pola noite, ás 22.00 horas terá lugar na alameda dos Remedios o Festival “Voces de Paula”, gala musical feita por mindonienses na que intervirán cantantes amateurs e profesionais. O bailoteo final de xornada correrá a cargo das orquestras Palladium e Nueva Generación.

O último día das festas é o martes 20, coñecido como “día das Maulas” porque era o último día que tiñan os feirantes para vender os últimos produtos que lles quedaban. Nesta xornada destaca a actuación do mago Martín Camiña no auditorio ás 19.00 horas e a actuación dun grupo de zumba na Alameda ás 20.30 horas. Fin de festa a cargo da orquestra París de Noia.

Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta