Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2024 | Actualizada ás 16:51
A Consellaría de Educación, a través dunha empresa privada coa que externalizou o traballo, vén de remitir un inquérito a todo o persoal dos centros educativos públicos do país co fin de analizar os posíbeis factores de riscos psicosociais de quen traballa no sistema educativo. Un traballo que a CIG-Ensino denucia que vulnera os dereitos lingüísticos do persoal docente por esta só en lingua castelán
Por iso, este sindicato contactou co Servizo de Prevención en canto tivo coñecemento do correo remitido pola Consellaría, para indicarlle que a enquisa enviada non estaba en galego e, sendo unha empresa allea á administración , debería ser a propia administración a que velase polo cumprimento da lei e se remitise, cando menos, no noso idioma.
"Sexa por desidia da Consellaría de Educación ou polo que sexa, o certo é que a conclusión non é outra que unha nova relegación do valor da nosa lingua e de vulneración dos nosos dereitos lingüísticos, ao non poder acceder ao cuestionario no idioma propio do país", indica o sindicato. Así, esixe que se tomen as medidas necesarias para preservar os nosos dereitos e que se paralice o estudo mentres non se poida remitir a todo o persoal afectado no noso idioma.
No ámbito da prevención de riscos non é a primeira vez que a CIG ten que saír a denunciar a desidia da administración na defensa e uso do galego na comunicación cos empregados e empregadas públicas, especialmente cando esa comunicación se fai mediante unha empresa privada concertada pola Xunta.
Neste sentido, lembra que as probas de diagnóstico de Matemáticas realizadas en 4º de Primaria e en 2º da ESO estaban unicamente enunciadas en castelán, negando a presenza do galego. "A Xunta non dá, por tanto, ningún paso para rematar coa vergoña de vetar o noso idioma", critica o sindicato que, ademais, denuncia estas decisións e reclama que non se volva producir en vindeiras ocasións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.