Temas: FRASEOLOXíA

“Quedar para cocer o carolo # para aconchegar os tizóns # para regar pirixel”, equivalentes, entre outras, a “quedar para vestir santos”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 05/05/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Ben seguro que a case todo o mundo lle resulta coñecida a secuencia fraseolóxica quedar para vestir santos para se referir a alguén –na cultura tradicional, basicamente a unha persoa de sexo feminino– que, sendo unha persoa xa entrega ou presentando unha idade que supera o rango de tempo considerado socialmente máis ou menos normal para casar, segue solteiro.

Caldeiros para cocer a carne ao caldeiro
Caldeiros para cocer a carne ao caldeiro | Fonte: Asoc. Veciñal O Bubaíño

Mais en galego, alén desta secuencia fraseolóxica, achamos tamén outras que dan conta exactamente dese mesmo significado. Vexamos algunhas:

Quedarse para vestir santos

{= No seu sentido tradicional, quedar solteira unha persoa de sexo feminino. Hoxe en día, non ter unha persoa xa entrega ou dunha idade un tanto avanzada ningunha relación afectivo-sentimental de convivencia cunha parella (ou con máis dunha persoa asemade, naqueles casos de relacións voluntarias que superan o limiar da parella), normalmente con certa permanencia no tempo.}

Quedar para vestir santos

Quedar para cocer o carolo

Quedar para aconchegar os tizóns

Quedar para regar pirixel

Ex.: La anuptafobia es el miedo irracional y persistente a quedarse para vestir santos.

A anuptafobia é o medo irracional e persistente a quedar para vestir santos a quedar para cocer o carolo a quedar para aconchegar os tizóns a quedar para regar pirixel.

● Tamén:

Quedar para tío/tía

Quedar para tío/tía

● E tamén:

Quedar de pallón && Quedar de pexegueiro

● E mais tamén:

[Quedar(se) para] Irse al poyetón # Sentarse en el poyetón

Quedar a poula && Quedar de poula

● E inda tamén, aplicada só a mulleres:

Quedar para ama de cura

● E mesmo tamén:

Quedar para facer zocos && Quedar para comer o pan reseso && Quedar para o fento && Quedar para cantar o kyrieleisón

NOTAS:

1. Como xa demos a entender na “definición”, achámonos ante secuencias fraseolóxicas que tradicionalmente se lles aplicaban ás mulleres, mais que hoxe en día coidamos que tamén son susceptibles de se empregaren tendo como obxecto referencial un home (ó menos, a de quedar para vestir santos si que a temos escoitado aplicada a persoas de sexo masculino, polo que non parece desatinado entender que as máis delas tamén se poderían aplicar a persoas deste mesmo sexo).

Así mesmo, e dadas as novas realidades e relacións sociais, hogano xa non é habitual que se empreguen para se referiren, sen máis, a persoas que cunha idade un tanto avanzada permanecen solteiras, senón máis ben a persoas que non teñen –ou mesmo que non tiveron cunha certa permanencia no tempo– unha relación afectivo-sentimental e de convivencia estable cunha parella (ou con máis dunha persoa, naqueles casos de relacións voluntarias que superan o limiar da parella).

2. En relación co fraseoloxismo quedar para vestir santos rexístranse tamén os de

Máis vale vestir santos ca espir borrachos

Máis vale vestir santos ca desvestir borrachos,

cos que unha persoa dá a entender, grosso modo, respondendo ou retrucando a outra que acaba de comentar que alguén vai quedar para vestir santos, que mellor se está solteiro e vivindo só ou sen parella ca mal acompañado ou aturando a alguén que case o único que che vai dar son problemas e mala vida.

3. Polo que atangue ó fraseoloxismo quedar para tío/tía, a primeira opción (isto é, a de “tío”) emprégase cando a referencia é un home, mentres que a segunda (a de “tía”, que, na liña do que acabamos de comentar de nos atoparmos ante fraseoloxismos cuxo obxecto de referencia eran basicamente persoas de sexo feminino, é, con moito, a de maior uso) utilízase cando é unha muller.

4. A expresión quedar de pexegueiro en realidade está rexistrada (na sección “Palabras con memoria” da Asociación de Escritoras/Escritores en Lingua Galega) como estar de pexegueiro.

5. O fraseoloxismo quedar a poula xa foi recolleito por frei Martín Sarmiento no século XVIII, quen comenta que non só se aplica á muller que queda solteira, senón tamén virxe:

«También se dice de una mujer que no se casará y que quedari virgen y para tía: ésta se quedara a poula. Habiéndoselo dicho un cura a una, como por escarnio, respondió ella: pois se me quedo a poula vostede non me a de romper

En tempos máis recentes é Elixio Rivas Quintas quen rexistra a variante quedar de poula para a muller que queda solteira.

6. A voz kyrieleisón é unha transcrición da locución da liturxia cristiá kyrie eleison (“Señor, ten piedade”) adaptada máis ou menos á pronuncia en galego.

7. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritoras/Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- Martín Sarmiento: Material lexicográfico elaborado por frei Martín Sarmiento entre 1745 e 1770. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta