Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2024 | Actualizada ás 13:14
A situación da sanidade pública e a rexeneración democrática centrarán as preguntas dos líderes do BNG e do PSdeG, respectivamente, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no próximo pleno do Parlamento de Galicia, que se celebrará os días 14 e 15 de maio. Na sesión que terá lugar na semana na que se celebra o Día das Letras Galegas (17 de maio) tamén comparecerá o novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Luís López, tal e como avanzaron os grupos tras a rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces que marcou a orde do día da cita política.
O pleno arrincará coa toma de posesión de nove deputados do Grupo Parlamentario Popular que substituirán aos que deixaron a acta para formar parte do Goberno galego e do Senado. En concreto, entrarán no Pazo do Hórreo Paula Mouzo, de Camariñas, pola provincia da Coruña; Encarna Amigo e Nicole Grueira pola provincia de Lugo; José Luís Ferro, Victor Valadrón, Cristina Campero e Juan Manuel Casares, pola de Ourense; así como Manuel Fidalgo e Felisa Rodríguez, pola de Pontevedra.
De cara á cita, o BNG pediu a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para informar os cambios nas políticas de igualdade que levará a cabo o seu goberno tras os cambios na estrutura orgánica da Xunta, que elimina a Secretaría Xeral de Igualdade para crear dúas direccións xerais, un feito que o BNG cualifica como un "retroceso enorme".
Os nacionalistas tamén esixiron a do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, para abordar a situación das rías galegas e do sector marisqueiro. Ambas as peticións rexeitadas polo grupo maioritario, tal e como informou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil.
SITUACIÓN DA SANIDADE
Na rolda de prensa tras a Xunta de Portavoces, Rodil lembrou que o pleno arrincará co debate da petición de creación dunha comisión de investigación dos contratos de emerxencia durante a pandemia da covid-19. Con esta iniciativa buscarán situar ao PP sobre a creación deste órgano que a propia formación podería pór en marcha, tendo en conta que o regulamento da Cámara permite impulsar de forma automática este órgano --unha única vez por lexislatura-- se así o solicitase un terzo dos deputados e deputadas da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes dos deputados e deputadas da Cámara.
A parlamentaria nacionalista considerou necesario arroxar luz sobre a contratación pública realizada polo Goberno galego que, segundo dixo, é "de todo menos transparente". "Son opacos e moi tramposos como advirte o órgano fiscalizador", sinalou en referencia aos últimos informes publicados polo Consello de Contas.
Precisamente, Rodil, que se referiu tamén á "xestión opaca" por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas), destacou tamén que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitará a sesión de control para preguntar a Alfonso Rueda sobre a situación na que se atopa a sanidade publica, especialmente a atención primaria tras "15 anos de recortes do PP".
O Bloque defenderá unha proposición non de lei para pedir de novo a transferencia inmediata da AP-9 e pedir á Xunta e ao Estado a ser "partes activas" no traspaso desta vía despois de que a Comisión Europea asegurase que "a ampliación da concesión foi irregular".
Por último, Rodil sinalou que o BNG esixirá o cumprimento da Lei da CRTVG nun contexto no "o PP desde Madrid dedícase a dar leccións sobre a liberdade de prensa e a liberdade informativa" a pesar de incumprir durante 13 anos en Galicia de forma "consciente e obscena" a súa propia lei de medios públicos.
"REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA"
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, utilizará a sesión de control para interpelar ao presidente da Xunta sobre o seu compromiso coa "rexeneración democrática", tal e como avanzou a viceportavoz parlamentaria da formación, Elena Espinosa, que reivindicou a "política limpa e transparente" fronte ao "estilo Ayuso" que fixa a "confrontación, a mentira e a crispación como forma de facer política".
Ademais, no pleno da próxima semana, os socialistas presentarán unha proposición non de lei para reclamar ao PP e ao Goberno galego que rexeite o incumprimento do artigo 122 da Constitución e a "situación de bloqueo" do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ). "Esta parálise, provocada polo PP desde decembro de 2018, está a provocar un descrédito inxusto dos poderes democráticos por simple tacticismo político", advertiu.
Así mesmo, os socialistas presentarán unha pregunta oral sobre os cambios orgánicos na Xunta tras a división da Secretaría Xeral en dúas direccións xerais. "Non podemos permitirnos dar un paso atrás na igualdade", reclamou nunha intervención na que lamentado as "desafortunadas" palabras do novo director xeral de Violencia Machista, que relacionou os asasinatos machistas con "un problema de saúde pública". "A ninguén se lle ocorrería dicir que o terrorismo é un problema de saúde publica", advertiu.
No pleno tamén se incluirá unha proposición non de lei para reclamar á Xunta que poña en marcha política de emprego dirixidas a impulsar a contratación das mulleres ao mercado laboral, así como dúas preguntas orais relacionadas coa celebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia e pola caída drástica da produción marisqueira nas rías galegas.
O PP RECLAMARÁ TRENS AVRIL "SUFICIENTES"
Pola súa banda, tal e como destacou o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, os populares aproveitarán o pleno para reclamar ao Goberno central que dote a Galicia dos trens Avril suficientes para prestar un servizo ferroviario de calidade e competitivo, e que proceda ao traspaso inmediato dos medios materiais e persoais necesarios para que a Comunidade galega poida xestionar as competencias sobre o litoral e, deste xeito, poder outorgar as correspondentes concesións.
No apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase en primeiro lugar, pola recente viaxe que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Arxentina, durante o que visitou diferentes empresas pesqueiras de capital galego alí afincadas.
En segundo lugar, preguntará sobre o calendario previsto pola Xunta para a implantación da gratuidade das primeiras matrículas de grao na universidade pública galega. Ademais, solicitará ao Goberno galego unha valoración sobre as peaxes que se aplican na AP-9 e a AP-53. Respecto diso, sostivo que despois de "os anuncios de gratuidade realizados polos socialistas na campaña das eleccións galegas", estas volveron liderar o incremento tarifario de todo o Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.