Por Galicia Confidencial | Laza | 19/10/2015 | Actualizada ás 09:00
Un cazador faleceu este domingo polas feridas que, supostamente, lle infrinxiu un xabarin. Foi durante o primeiro día de caza da tempada.
Os feitos tiveron lugar en Laza cando o home, de mediana idade e axente da Policía Nacional destinado en Verín, saíu a cazar por unha zona boscosa.
Pouco despois, un particular alertou ao servizo de emerxencias 112 ao atopar ao cazador "aparentemente ferido" e en estado inconsciente nunha pista forestal. Asegurou que “podería ter recibido golpes dun xabaril".
O suceso foi posto coñecemento de Urxencias Médicas, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, e tamén foi informada a Garda Civil e o Grumir de Laza.
Ao lugar do accidente desprazáronse unha ambulancia asistencial e outra de rescate, máis dous técnicos e unha enfermeira de Protección Civil, que non puideron facer nada pola vida do cazador. Posteriormente, o médico que ía a bordo do helicóptero mobilizado polo 061 confirmou o falecemento do home.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.