Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2024 | Actualizada ás 14:57
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, abriu a posibilidade de actualizar o Plan de Normalización Lingüística, cando se cumpren 20 anos da súa aprobación, para "prestixiar" e "establecer unhas condicións máis favorables" ao uso do galego "en todos os ámbitos de nova aplicación".
Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, o conselleiro asegurou que se reunirá coas principais entidades de Galicia e que se volverá a sentar coa Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG) para escoitar as súas posicións. No ámbito educativo, López Campos defendeu que o modelo lingüístico "funcionou" e sinalou que o plurilingüismo supuxo "unha mellora importante na formación e na educación" dos escolares galegos.
Con todo, sobre o actual decreto do plurilingüismo, o titular de Lingua manifestou que é "un debate que non está na rúa", aínda que insistiu en que escoitará as posicións de todos os actores. "A día de hoxe hai plena convivencia no ámbito educativo, pero escoitaremos tamén cales son as propostas dese decreto do plurilingüismo. Eu creo que posiblemente o Plan de Normalización Lingüística necesita, despois de 20 anos, unha actualización. Aí podemos atopar puntos de encontro para prestigiar", relatou.
Cuestionado polos puntos nos que se podería actualizar o Plan, López Campos recoñeceu que se debe avanzar no apoio e normalización do uso do galego nas novas tecnoloxías da información, así como no ámbito urbano.
"O MELLOR LEGADO"
En concreto, instou a buscar fórmulas para que as novas xeracións entendan que o "mellor legado" e o "maior tesouro" de Galicia é "manter a lingua viva", para o que, engadiu, é necesario "falala" e empregala "con total normalidade". Así mesmo, en relación co Pacto pola Lingua ofrecido no Parlamento, o conselleiro sostivo que se ten que "prestixiar socialmente o uso da lingua galega".
"Estou convencido de que é moito máis o que nos une que o que nos separa. Todos queremos o mellor para Galicia e a partir de aí podemos atopar puntos de encontro e cada un terá que buscar o seu posicionamento", subliñou antes de pór en valor que na pasada campaña electoral o debate lingüístico tamén "estivo moi presente", polo que considera que os populares e Alfonso Rueda tiveron "unha ampla maioría que apoiou as súas políticas tamén en materia cultural e de lingua".
PLAN ESTRATÉXICO CULTURA
Por outra banda, o responsable do departamento de Cultura avanzou que ao longo do mes de xuño manterá encontros con distintas entidades e representantes do sector para escoitar as súas achegas para a elaboración dun Plan Estratéxico neste ámbito. "Somos un territorio con gran talento e temos que buscar a forma de regular todo isto, que a administración pública e as empresas privadas poidan impulsar todo este talento e proxectos. Isto hai que regulalo a través dunha lei que permita buscar eses mecanismos que aceleren aínda máis este proceso. Creo que aí temos un gran escenario, un futuro moi prometedor", augurou.
Nesta mesma entrevista, López Campos afirmou que a súa Consellería porá "todos os recursos humanos e materiais" dispoñibles para o próximo Xacobeo, "a máxima expresión cultural de Galicia". En canto ás demandas que o seu departamento ao Ministerio, o representante autonómico lembrou que a Galicia lle foron concedidos "dous millóns dos 15 que correspondían" do Perte da Nova Economía da Lingua que, en todo caso, ve "insuficientes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.