Por Europa Press / Redacción | VIGO | 29/05/2024 | Actualizada ás 18:42
Renfe transportou a 17.000 viaxeiros nos novos servizos AVE que conectan Galicia con Madrid tras a chegada o pasado 21 de maio dos trens Avril, uns vehículos cun total de 507 prazas que permitiron a chegada da alta velocidade a cidades como Vigo, Santiago ou A Coruña. Tal como informou a compañía, estas 17.000 persoas supoñen rozar a plena ocupación, cunha media do 97 % destes AVE S106, fabricados por Talgo.
Renfe indicou que Galicia conta desde a semana pasada con dúas conexións AVE de ida e volta ao día, unha entre A Coruña e Madrid e outra entre Vigo e Madrid. Os novos servizos AVE prestan parada, ademais, nas estacións de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago, Ourense e A Gudiña. Tamén benefician ás estacións da liña de alta velocidade en Castela e León, como son Sanabria e Zamora.
"A chegada dos AVE S106 supón a renovación e rexuvenecemento da frota de Renfe. Os novos trens que prestan servizo en Galicia son de rodaxe desplazable e, por tanto, aptos para viaxar a diferentes puntos da xeografía galega máis aló de Ourense", indicou a empresa, explicando que as vías galegas teñen distinto ancho que as de Castela, polo que estes convois adáptanse para poder circular por todas elas a 300 quilómetros por hora.
A pesar disto, os Avril sufriron numerosos incidentes na semana que levan activos. Xa o primeiro día, na súa viaxe inaugural, un problema eléctrico do tren provocou un atraso de dúas horas e media. Ao día seguinte, un incidente nunha porta tamén supuxo que o tren se atrasase máis de 20 minutos desde o tempo previsto. Ademais, ao longo da semana rexistráronse máis problemas, como o pasado domingo, cunha demora nun dos traxectos de case unha hora.
Precisamente este mércores tamén se rexistraron máis atrasos. O AVE que chegaba a Santiago ás 17.45 horas, atrasouse máis de dúas horas. Tamén outros servizos Avant e Alvia en Galicia sufriron atrasos de máis de 20 minutos esta xornada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.