Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/05/2024 | Actualizada ás 13:23
A Comisión de Facenda do Congreso deu luz verde á proposición non de lei do BNG para que o Goberno negocie un mecanismo de compensación pola perda de recadación municipal nos impostos de Actividades Económicas (IAE) e dos Bens Inmobles Urbanos de Características Especiais (o IBI-BICES) derivada do peche das centrais térmicas. Ademais, reclámase a convocatoria dos concursos de transición xusta nestas comarcas cuestión xa reclamada tamén na comisión de industria.
Na súa intervención, da que informou o BNG nun comunicado, Rego destacou "o retroceso económico que padecen estes dous concellos debido a un peche anticipado, non planificado e caótico que tivo unha orixe política, deseñado desde o Estado". Tamén censurou que "non se fixese unha transición xusta, con medidas de apoio ás comarcas afectadas e cunha negociación previa cos concellos".
O parlamentario nacionalista explicou o estudo sobre o Impacto Socioeconómico nas Pontes de Descarbonización Enerxética, elaborado polos concellos, recolle unha cuantificación das pérdias económicas en concepto de eliminación de empregos e unha cuantificación da perda de ingresos municipais polo impacto no impostos IAE e no IBI-BICES.
Así, conforme indicou, este documento conclúe que se perderon 1.178 postos de traballo de residentes no municipio, e 299 do resto da zona de influencia, desaparecendo un total de 1.477 empregos. "Apenas un 33% da poboación residente conservaría o seu traballo na localidade, un 34% quedaron sen traballo e un 33% traballarían fóra da localidade", sinalou para incidir en que, "en termos económicos", implicaría a perda de 67 millóns de euros anuais.
Os ingresos municipais víronse afectados pola caída de ingresos do impostos IAE e o IBI-BICES, uns recursos "necesarios" para atender ao adecuado mantemento dos servizos públicos dos concellos. Ademais, apunta que informes técnicos da área económica municipal das Pontes cuantifican en 670.000 euros ano a diminución en concepto de ingresos por IAE, e nuns dous millóns anuais a perda de ingresos polo IBI-BICES.
Rego explicou a diminución nos ingresos no IBI-BICEs pola aplicación dun criterio impositivo regresivo do catrastro. Conforme sinalou, o criterio que se está aplicando nas centrais térmicas beneficia ás empresas propietarias dado que se elimina a condición de características especiais e aplícaselles a condición dun chan urbano na base impoñible.
Tamén se aplica o 1 de xaneiro do ano seguinte á acta de peche da central, ignorando todo o proceso de desmantelamento das instalacións que oscila entre tres e cinco anos, aos que hai que engadirlle un ou dous anos máis para a actuación nos chans contaminados. Por último, finalizou urxindo a necesidade de articular as oportunas compensacións para asegurar a suficiencia financeira ás entidades locais, en liña co acordado entre a Femp e o Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.