A peza central da Operación Carioca chega a xuízo 16 anos despois

O principal procesado enfronta a 21 anos de prisión, mentres que o outro axente acusado e tres proxenetas afrontan ano e medio de cárcere.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 01/06/2024 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

A Operación Carioca, que hai 16 anos destapou unha das maiores tramas de prostitución de Galicia, amparada supostamente pola complicidade de membros das forzas do Estado, chegará a próxima semana á Audiencia Provincial de Lugo. Será a peza principal, a que queda aínda por pechar, desta macrocausa, na que unicamente sentarán no banco dos acusados dous axentes da garda civil e tres proxenetas da máis dunha vintena de imputados que chegou a haber.

En concreto, a vista, que arrincará o martes 4 e prolongarase por varias semanas, ten como principal acusado a Armando Lorenzo, que era cabo da Garda Civil de Lugo encargado, precisamente, da inspección de locais de alterne, así como ao seu superior no corpo. Da outra parte, sentarán tamén os responsables de tres clubes de alterne da cidade.

Tal e como recolle o escrito de acusación, os procesados urdiron entre eles unha trama na que, valéndose do posto de mando que ocupaba o principal acusado, empregaron subornos, coaccións e favores sexuais para evitar sancións, coñecer de antemán inspecións nos locais de alterne e continuar cunha rede de prostitución que era non só coñecida, se non presuntamente mantida coa conivencia dos axentes implicados En conxunto, os acusados enfróntanse a unha nómina de delitos que van desde agresión sexual a revelación de segredos, pasando por suborno, favorecemento da prostitución e omisión do deber de perseguir delitos.

Armado Lorenzo estivo destinado entre os anos 2005 e 2009 no equipo de Muller e Menores da Policía Xudicial da Comandancia de Lugo, desde onde participaba en inspeccións periódicas e controis en clubes de alterne. No exercicio deste labor, "e para satisfacer os seus instintos sexuais", utilizando a súa condición de axente da Garda Civil, di o fiscal, "estableceu relación con mulleres estranxeiras que se achaban en situación irregular en España, ás cales se insinuaba ou ás que, directamente, solicitáballes manter relacións sexuais, ofrecéndolles a súa axuda en diferentes ámbitos e, especialmente, para a regularización da súa situación irregular en España ou silenciar ou alterar os datos que poderían determinar a apertura dun expediente de expulsión".

Ademais, continúa o Ministerio Público, aceptaba subornos de propietarios de clubes de alterne para non denunciar irregularidades ou avisalos previamente de que ían realizar unha inspección. O escrito de acusación recolle multitude de proposicións sexuais a mulleres que exercían a prostitución, baixo a promesa de regularizar a súa situación, ameazas e mesmo unha agresión sexual consumada.

Por iso, o fiscal pide para el 21 anos de prisión e máis de 16 de inhabilitación, por un delito continuado de solicitude sexual por funcionario público, cinco delitos de abuso sexual, un delito de agresión sexual, un delito continuado de suborno, un delito continuado de revelación de segredos, un delito de omisión do deber de perseguir delitos, tres delitos de favorecemento da prostitución e un delito de extorsión en grao de tentativa.

Para o outro axente, o Ministerio Público pide un ano e sete meses de prisión, así como seis anos de inhabilitación, por un delito de solicitude sexual por funcionario público, un delito de abuso sexual e un delito de omisión do deber de perseguir delitos. Finalmente, os tres proxenetas están acusados unicamente de subornos, e para eles pídese un ano e medio de cárcere.

En canto ás penas económicas, para o principal acusado, o fiscal reclama multas por valor duns 37.000 euros e unha indemnización de 10.000 euros para a vítima de agresión sexual. Para os propietarios de clubes de alterne propón a imposición de 15.000, 10.000 e 6.000 euros de multa. En todos os casos, tense en conta a circunstancia de dilacións indebidas, dado que a macrocausa, aberta en Lugo por Pilar de Lara, sufriu constantes atrasos desde a súa división en distintas pezas e chega aos tribunais 16 anos despois da súa apertura.

G.P.S (e) e J.M.P.N (d) declaran como acusados o marco da 'Operación Carioca', na sección segunda da Audiencia de Lugo, a 30 de novembro de 2021, en Lugo
G.P.S (e) e J.M.P.N (d) declaran como acusados o marco da 'Operación Carioca', na sección segunda da Audiencia de Lugo, a 30 de novembro de 2021, en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta