Lucas rescata un punto

O Dépor empata 1-1 co Atleti tras regalar o primeiro tempo e reaccionar no segundo. Fayçal Fajr tivo a vitoria nun remate ao pau no minuto 88. Os de Víctor suman tres empates e unha derrota nas últimas catro xornadas.

Por gcdeportes | A Coruña | 31/10/2015 | Actualizada ás 00:33

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Deportivo 1:
Lux; Laure (Juanfran, 75’), Lopo, Sidnei, Navarro; Mosquera, Celso Borges; Fede Cartabia, Fayçal Fajr, Jonás Gutiérrez (Luis Alberto, 69) e Lucas Pérez.
Atlético de Madrid 1: Oblak; Juanfran, Giménez, Godín, Luis Filipe; Koke, Gabi, Tiago (Fernando Torres, 81’), Yannick Carrasco (Correa, 61’); Griezmann e Jackson Martínez (Saúl Ñíguez, 72’).
Goles: 0-1: Tiago (minuto 34). 1-1: Lucas Pérez minuto 77).
Árbitro: Pérez Montero (andaluz). Amosou cartóns amarelos aos deportivistas Fayçal Fajr (min. 15) e Fede Cartabia (min. 90).
Incidencias: partido da 10ª xornada de Liga no estadio de Riazor ante 24.608 espectadores.

Lucas Pérez celebra o gol do empate coa afección.
Lucas Pérez celebra o gol do empate coa afección. | Fonte: lfp.es

Un tempo para cada equipo, como resume o tópico. Temeroso do potencial visitante, o Dépor regalou o primeiro tempo ao rival. Cedeu metros e deixou a iniciativa ao Atleti, que marcou o 0-1 e puido facer alomenos outro nuns minutos nos que o Dépor estivo desaparecido. Reaccionaron os de Víctor Sánchez del Amo tralo descanso, sobre todo da man dun Fede Cartabia incisivo pola banda dereita. A loita e a calidade de Lucas Pérez rescataron un merecido punto para o Dépor, que a piques estivo de sumar os tres nun disparo de Fayçal Fajr ao longueiro. Ao remate, 1-1 e terceiro empate, ademáis dunha derrota, nas catro últimas xornadas.

Entrou Albert Lopo no centro da defensa, e sorprendeu Víctor co debut de Jonás Gutiérrez na esquerda. O Dépor cedeu a posesión ao rival e tentou buscar con balóns longos a rapidez de Lucas Pérez, pero o dianteiro coruñés estivo moi só en punta, e incluso nalgunha ocasión recriminou a falta de apoio aos seus compañeiros. Ese era o plan de Víctor, agardar en campo propio. O Atleti non renunciou a pelota pero tardou en atopar espazos na ordenada defensa deportivista. Ademáis, o brasileiro Sidnei estivo rápido para adiantarse nun par de pelotas que lle chegaron a Jackson, e o único disparo do colombiano na primeira media hora saiu moi desviado.

O Dépor non sufría, pero arriscaba demasiado tan pechado no seu campo. Iso foi o que pasou: a falla de once minutos para o lecer, Tiago aproveitou un mal despexe da defensa local para rematar axustado ao pau, imparábel para Lux. Os de Víctor acusaron o golpe, e o Atleti puido sentenciar antes do descanso nun remate coa testa de Godín, só na área pequena, ao pau e o posterior rexeite de Griezmann que disparou ao corpo de Lux.

Tralo paso por vestiarios, o Dépor saiu ambicioso a polo empate e o Atleti deu varios pasos atrás para conservar a renda. Foi protagonista o arxentino Fede Cartabia, moi activo dende a dereita, que probou a Oblak con dous lanzamentos xa antes do minuto 60. Aínda así, o Atleti semellaba cómodo, agardando coma sempre cando ten vantaxe en campo propio. Víctor buscou trocar a dinámica nas bandas con Luis Alberto e Juanfran, mentres que o Cholo Simeone deu descanso a Jackson e Carrasco.

Foi no minuto 77 cando chegou o empate, cando Lucas Pérez aproveitou a relaxación de Giménez para roubarlle o balón na área, canear ao meta rival e marcar con sangue frío o empate. Fayçal Fajr estivo a piques de facer o segundo cun disparo dende o bordo da área que petou no longueiro no minuto 88, pero o partido rematou co 1-1 no marcador. O Dépor suma 14 puntos, e a vindeira cita será en Valencia co Levante. Despois, un finde de descanso antes do derbi.

Lucas Pérez celebra o gol do empate coa afección.
Lucas Pérez celebra o gol do empate coa afección. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Anónimo

É unha mágoa que o Deportivo saíse á primeira parte á defensiva, coma se o empate lle valese. Se saíse a gañar dende o comezo..., ou se Fayçal chega a mandala pra dentro. Por certo, máis que darlle á trabe, ó que lle deu foi á cruceta. Participade na enquisa pra saber cal vos parece que tería que ser a forma correcta e admitida no galego (primaveira ou primavera)(sinceiro/sinceiramente ou sincero/sinceramente). Pra participar tedes que ir a https://estensiondogalego.wordpress...

1 Bebetó

Lucas Pérez merece una medalla Castelao e non isos monicreques que fornecen o establishment.