As orixes pagás da noite de San Xoán: unha tradición arraigada en Galicia

A celebración do solsticio de verán en Galicia mantén viva a antiga veneración celta polo triunfo da luz sobre a escuridade.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 23/06/2024 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Cada 23 de xuño, Galicia vístese de misterio e maxia para celebrar a noite de San Xoán, unha festividade que, aínda que asociada ao cristianismo, ten as súas raíces en antigas crenzas pagás. Esta celebración está impregnada de rituais ancestrais que se remontan a tempos inmemoriais.

Festa de San Xoán, obra de Jules Breton
Festa de San Xoán, obra de Jules Breton | Fonte: Wikipedia

UN LEGADO PAGÁN

A noite de San Xoán marca o solsticio de verán, o momento no que o sol alcanza o seu punto máis alto no ceo e o día é máis longo que a noite. Para as antigas culturas celtas que poboaron estas terras, este era un momento de gran importancia, xa que simbolizaba o triunfo da luz sobre a escuridade. Críase que nesta noite máxica, o poder da natureza alcanzaba o seu máximo esplendor e que os espíritos da terra estaban especialmente activos.

OS RITUAIS DE SAN XOÁN

Aínda que a Igrexa católica tentou cristianizar a festividade ao asociala co nacemento de San Xoán Bautista, moitos dos rituais e crenzas pagás perduraron ata os nosos días. Un dos máis populares é o de acender as fogueiras, unha práctica que se remonta á antigüidade e que ten como obxectivo purificar e renovar a enerxía do lugar. En moitas localidades galegas, as fogueiras acéndense nas praias, onde a xente se reúne para saltar sobre o lume e purificarse simbólicamente.

Outro moi coñecido é o das herbas de San Xoán, que consiste en recoller plantas medicinais ao amencer para protexerse de enfermidades e males. Estas herbas, que varían segundo a rexión e os costumes locais, adoitan incluír especies como a ruda, a flor de San Xoán, o loureiro, a verbena, o romeu, a xarxa e o tomiño. Crese que ao lavarse a cara cunha infusión destas herbas pódese eliminar calquera negatividade acumulada e prepararse para recibir as bendicións do novo ciclo solar. Tamén hai persoas que continúan co ritual de bañarse no mar, que se realiza coa esperanza de obter protección e boa sorte para o resto do ano. Dise que a auga de mar na noite de San Xoán ten propiedades curativas e que bañarse nela pode purificar o corpo e o espírito.

Begoña cóntanos unha curiosa tradición que realizaban no seu pobo, San Orente: "Na víspera de San Xoán, pola noite, os mozos da aldea 'roubaban' os carros, portais e ata macetas e levábanos ó atrio da igrexa para que ó día seguinte os donos tivesen que ir a buscalos. Era unha noite de travesuras permitidas", explica.

A NOITE DE SAN XOÁN NA ACTUALIDADE

Hoxe en día, a noite de San Xoán segue sendo unha das festividades máis populares e esperadas en Galicia. Miles de persoas acoden ás praias e prazas para gozar das fogueiras, os concertos e a compañía de amigos e familiares. Najwa cóntanos cómo a vai festexar, “irei ó camping ca miña familia, dende que vamos mantemos a tradición que xa tiñamos cando quedabamos na casa de comer sardiñas, pero agora tamén recollemos as herbas de San Xoán o día anterior para lavar a cara pola mañá, e saltamos fogueiras pequeniñas”. Aínda que a maioría da xente xa non cre nos antigos mitos e lendas, a maxia e o misterio desta noite especial seguen atraendo a multitudes de todas partes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta