Por gcdeportes | Lugo | 08/11/2015 | Actualizada ás 20:00
Ficha técnica
Girona 0: Isaac Becerra; Pol Llonch (Javi Álamo, 46'), Kiko Olivas, Pedro Alcalá, Lejeune, Aday; Alcaraz (Granell, 46'), Borja García, Pere Pons, Felipe Sanchón (Jairo, 79') e Jaime Mata.
CD Lugo 1: Xose Xoan; Pau Cendrós, Carlos Hernández, Israel Puerto, Manu; Seoane, Carlos Pita, David López (Sergio Marcos, 58'); Iriome (David Ferreiro, 71'), Jonathan Pereira (Álvaro Lemos, 80') e Pablo Caballero.
Gol: 0-1: Sergio Marcos (minuto 81).
Árbitro: González Fuertes (asturiano). Amarelas a Seoane (23'), Carlos Hernández (66') e David Ferreiro (79') no Lugo e a Lejeune (21') e Aday (80') no Girona.
Incidencias: partido da 12ª xornada da Segunda División disputado no estadio municipal de Montilivi ante 4.200 espectadores.
Foi o único disparo entre os tres paus do Lugo, pero un golazo que sumou tres puntos. Sergio Marcos marcou dende 30 metros e os lucenses sumaron a primeira vitoria da tempada lonxe do Anxo Carro. Non xogaron un gran partido os de Luis Milla, pero contaron de novo cun espectacular Xose Xoan, que fixo varias paradas de mérito e dominou os balóns por alto do rival.
Israel Puerto entrou por Dealbert no centro da defensa, e David López e Iriome deixaron a Ferreiro e Sergio Marcos no banco. O Lugo adicou os 45 primeiros minutos a defenderse, sen apenas achegarse á area rival, pero o Girona, aínda que dispuxo da posesión, apenas creou ocasións de perigo. A única foi no minuto 14, nun centro dende a dereita que chegou ata o segundo pau onde agardaba o central Pedro Alcalá, quen só na área pequena non foi quen de rematar e a defensa lucense despexou a córner.
O Girona, que aínda non gañou esta tempada en Montilivi, fixo un par de trocos no descanso para tentar cambiar a dinámica do partido: entraron Javi Álamo e Granell, e o equipo local mellorou, sobre todo coas prestacións de Álamo pola banda dereita. Xa no minuto 46, Pedro Alcalá rematou un córner coa testa preto do pau esquerdo de Xose Xoan. A primeira ocasión de perigo do Lugo no partido chegou no minuto 53: un pase entre liñas de Jonathan Pereira para Pablo Caballero dentro da área, pero o remate do arxentino foise desviado.
Os centros de Javi Álamo dende a dereita levaban perigo á área lucense e obrigaban a Xose Xoan a traballar arreo. O meta vigués evitou co seu corpo o gol de Jaime Mata, que rematou tras pillar un balón solto na área. O Lugo sufría pola insistencia do Girona, que asediaba a meta lucense a base de moitos centros. Xose Xoan evitou de novo o gol local nun disparo con intención de Jaime Mata dentro da área. O Lugo semellaba resignado a defenderse ata o final do partido para sumar un punto cando Sergio Marcos aproveitou un balón que lle deixou botando Caballero para enganchar unha volea dende 30 metros que entrou preto da trabe da portaría de Isaac Becerra, que non agardaba o disparo lonxano.
Despois de oito meses, os lucenses non ían deixar pasar a ocasión de vencer lonxe da casa, e defenderon o resultado, e Xose Xoan atallou o último remate que lle chegou. O Lugo non gañaba fóra dende o 0-2 ao Osasuna o 28 de febreiro. Dende entón, oito partidos na tempada pasada (tres empates e cinco derrotas) e cinco na actual (tres empates e dúas derrotas). Agora, os de Luis Milla son quintos con 19 puntos tras encadenar por primeira vez dúas vitorias consecutivas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.