Por GC Emprende | A Coruña | 09/11/2015 | Actualizada ás 13:38
O xurado do Premio UDC Deportes decidiu por unanimidade entregar o galardón de 2015 a Jesús Manuel Graña Gómez, titulado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidade da Coruña e fundador do Grupo Jim Sports.
A reunión do xurado, o pasado xoves, 5 de novembro, estivo presidida pola vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, María José Martínez; e integrada ademais polo director de Deportes da Universidade da Coruña, Juan Fernández, o subdirector de Edicións e Deportes de La Voz de Galicia, Fernando Hidalgo; o xefe de Deportes de Diario de Ferrol, Juan Quijano, o xornalista de Radio Galega, Javier Torres; a xefa de Comunicación da UDC, María Ares, e o técnico de Deportes da UDC, Manuel Moya, en calidade de secretario. A traxectoria profesional de Jesús Manuel Graña Gómez é, para o xurado, “un exemplo na iniciativa emprendedora e transferencia de coñecemento entre a Universidade e o mundo empresarial, neste caso vinculado ao deporte, elevando o prestixio da formación dos nosos alumnos”.
Jesús Manuel Graña Gómez, formouse na Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física da Universidade da Coruña licenciándose no ano 1995. Foi socorrista na piscina de Palas de Rei, Lugo, varios veráns; e adestrador de liga autonómica de Betanzos Club Deportivo Baloncesto en 1994. Profesor de Educación Física en diversos centros de ensino, desde o ano 2000 imparte docencia no IES de Monterroso, Lugo, aínda que actualmente está en excedencia.
Fundador da empresa Jim Sports Techonology S.L. con orixe en 1996, é na actualidade xerente e único accionista desta empresa en progresivo crecemento. Jim Sports Techonology S.L. dedícase á importación e venta ao por maior de material deportivo. http://www.jimsports.com/
Afincada na súa terra de orixe, Melide, o Grupo Jim Sports está formado por seis empresas e case cen traballadores, que cobren todas as necesidades do ámbito do deporte. Este grupo atópase na primeira liña na distribución deportiva en Europa e presente en máis de trinta países de catro continentes. Graña Gómez foi fundador de Gaia Gestión Deportiva, con domicilio social na Coruña, empresa líder en xestión de piscinas en España (1994). Fundador de Rotatory Sport, con domicilio social en Madrid (2005); fundador de Deporte en Movimiento, con domicilio social en Castellón (2005); creador de Eme Inversia 72 S.L. (integrada no Grupo Jim Sports) (2006); fundador de Metal Power, con domicilio social en Triacastela, Lugo, e de Oxen Sport, con domicilio social en Lourenzá, Lugo, (2007).
O Premio UDC Deportes será entregado no transcurso da Gala do Deporte da Universidade da Coruña que terá lugar o vindeiro 26 de novembro na Aula Náutica da UDC.
Este premio é unha das actividades que a Área de Deportes organiza cada ano para celebrar a Semana do Deporte que desde hoxe e ata o día 13 deste mes organiza nos campus. Ao longo destes días toda a comunidade universitaria pode participar de forma gratuíta en todos os deportes programados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.