Pontón erixe a Ana Miranda na "embaixadora de Galicia en Europa" durante a constitución da Eurocámara

A eurodeputada do BNG comprométese a "defender os intereses" dos galegos e a ser "unha das voces contra o fascismo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2024 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu este martes á sesión constitutiva do Parlamento Europeo en Estrasburgo (Francia), desde onde erixiu á eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, en "embaixadora de Galicia en Europa", porque o seu "é un escano de país". Así o afirmou a líder nacionalista, quen aproveitou para destacar a importancia de ter un "escano galego" xa desde o inicio da lexislatura comunitaria, algo que non pasaba desde 1999. Cara ao final de lexislatura, terá que cederllo a ERC.

Pontón destacou a "experiencia e gran coñecemento" de Miranda para "defender os intereses" dos galegos en ámbitos como o medio ambiente. Neste sentido, prometeu que a eurodeputada do BNG será "a voz de todas as persoas que queren frear esa bomba ambiental" do proxecto de Altri en Palas de Rei, para "impedir" que reciba fondos comunitarios. En declaracións aos medios, a portavoz nacional do Bloque tamén mencionou que o sector primario centrará as iniciativas que impulsarán os nacionalistas en Europa: "Levamos tempo vendo como, por exemplo, no ámbito pesqueiro, no ámbito agrario, tómanse decisións que limitan a nosa capacidade produtiva e nós temos dereito a seguir vivindo do noso traballo".

Por todo iso, Pontón volveu a agradecer o "maior apoio" que recibiu o BNG nas eleccións do pasado 9 de xuño (con case 180.000 apoios á coalición Agora Repúblicas na Comunidade) e que vai servir para que Miranda, como "embaixadora" de Galicia, teña "unha voz libre para defender os seus intereses". "Sen ataduras de ningún tipo, nin cos grandes lobbies económicos, nin coas direccións madrileñas nin cos intereses que poidan verse en Bruxelas", recalcou.

"FORZA" PARA NEGOCIAR FONDOS

Ana Miranda secundou as palabras da súa líder de filas e incidiu na importancia do "escano galego" que permitirá ter "forza" para "negociar" en materias como os fondos de cohesión europeos. "Nós estaremos aí", dixo. En clave internacional, Miranda prometeu ser "unha das voces contra o fascismo" ante o aumento da extrema dereita na Eurocámara, para defender "a democracia e as liberdades"; á vez que fixo un chamamento para "parar o xenocidio en Gaza", porque é unha das "causas xustas da humanidade". "Pero, sobre todo, defender a Galicia", engadiu a eurodeputada, en materias como a vivenda, a mocidade e o "declive industrial" da Comunidade.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no Parlamento Europeo en Estrasburgo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no Parlamento Europeo en Estrasburgo | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta