Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/11/2015 | Actualizada ás 14:31
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo hoxe confiar na “presunción de inocencia” do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, e do secretario de Organización desta formación, Bieito Lobeira, tras ser citados a declarar como testemuñas no xuízo que leva a Audiencia Nacional contra a cúpula de Causa Galiza á que vincula co grupo Resistencia Galega.
Aínda que nin Vence, nin Lobeira, están imputados neste caso –acoden só en calidade de testemuñas--, Feijóo comparou o seu caso co de outros dirixentes políticos que si están imputados en casos xudiciais. “Manteño e seguirei manteno o mesmo que nos casos que afectan a outros partidos e dirixentes políticos”, dixo. “Pola miña banda, teñen a mesma presunción de inocencia que calquera outro e polo tanto non me vou pronunciar de maneira diferente a como me pronunciei cos casos doutros dirixentes políticos”, engadiu.
En todo caso, o presidente da Xunta dixo que hai que respectar as decisión xudiciais. “Vence e o outro dirixente do Bloque foron chamados para testemuñar por un caso de terrorismo e teñen que ter a presunción de inocencia e o respecto da lei”, dixo. En todo caso, tamén engadiu que a Audiencia Nacional “terá que actuar” como sempre fai nestes casos.
O BNG acusou á Audiencia Nacional e aos "poderes mediáticos" de tentar "desprestixar" ao BNG e á candidatura que impulsa para as xerais, Nós-Candidatura Galega, por fixar a comparecencia a 6 días deses comicios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.