Salvamento Marítimo investiga a orixe das boliñas de chapapote en praias galegas

A Xunta di que o volume "seguramente sexa moi pequeno" e ofrece os seus medios aéreos para colaborar na busca de restos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2024 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

Salvamamento Marítimo investiga a orixe e as causas das pequenas bólas de fuel que apareceron en varias praias de Galicia, sobre todo no litoral norte de Galicia.  Este venres os labores de inspección aérea, segundo fontes da empresa pública consultadas por Europa Press, concéntrase entre as Illas Sisargas e Navia, en Asturias, --onde recibiron máis alertas--.

Na xornada do xoves o helicóptero Pesca II, de Gardacostas de Galicia dependente da Xunta, realizou unha inspección entre Viveiro e Ferrol sen detectar ningunha bóla de fuel. O resultado de avistamento tamén foi negativo na ría de Arousa que foi sobrevoada polo AS305 e por mar o operativo realizouno a embarcación 'LS Hermes'.

As mesmas fontes detallaron que, nun principio, parecen hidrocarburos "moi degradados de orixe indeterminada" e, polo momento, "non ten un sospeitoso" xa que as imaxes satélites recentes "non alertan" de ningunha detección "nin hai noticia" de ningunha descarga operacional nin accidental.

Segundo informou a organización 'Noia Limpa', nos puntos nos que máis apareceron foron nos areais da zona de Ribadeo, Burela e Foz. Con todo, tamén chegaron, en menor medida, a outros puntos da ría de Arousa, como ao Parque Natural de Ou Carreirón, na Illa de Arousa.

Chapapote atopado en praias da Mariña
Chapapote atopado en praias da Mariña | Fonte: A Mariña sen Plástico

VOLUME "PEQUENO"

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, sinalou que o volume das pequenas bólas de fuel que chegaron estes días a Galicia "seguramente sexa moi pequeno" e trasladou "calma e tranquilidade á poboación".

"Nos últimos 15 días non entrou ningunha soa ave nos distintos centros de recuperación de Galicia. Por tanto, iso quere dicir que seguramente o volume sexa moi pequeno, pero hai que investigar", explicou este venres a preguntas dos medios. Con todo, remarcou que é necesario investigar porque este tipo de causas ou incidentes hai que procurar que "sucedan o menos posible" e, sobre todo, "saber de onde proceden".

MEDIOS

A Consellería do Mar púxose a disposición da Delegación do Goberno e ofreceu medios para traballar na detección de restos de fuel que apareceron na costa norte de Galicia. Nun comunicado, a Xunta explica que solicitou información e recibiuse comunicación do Estado na tarde do pasado xoves, na que se dá conta de que Salvamento Marítimo investiga a orixe e as causas desta aparición de bólas de fuel en diferentes praias.

O Executivo galego indica que avalía a situación "sen que consten, na actualidade, datos certos que fagan pensar que a situación supera un incidente común". En todo caso, esperan que o Estado lle traslade a investigación que realiza con base nas súas competencias no mar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta