A crise dos percebeiros galegos, no Financial Times

O xornal financeiro británico publica unha ampla reportaxe sobre os baixos prezos e as capturas ilegais que están afectando ó sector desde o inicio da crise

Por Galicia Confidencial | Santiago | 04/12/2015 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

Non son bos tempos para os percebeiros galegos. A crise minguou a demanda dun produto cuxos prezos se disparan no Nadal até os máis de 200 euros que se poden chegar a pagar nalgúns restaurantes de Madrid por un quilo de percebes. A fama dos percebes galegos é mundial, tanta, que o Financial Times —un dos xornais máis prestixiosos do mundo— abre hoxe a súa sección europea cunha ampla reportaxe sobre a crise dos percebeiros galegos.

A crise dos percebeiros, destacada no xornal Financial Times.
A crise dos percebeiros, destacada no xornal Financial Times.

Até Muxía se desprazou o xornalista Tobias Buck para dar conta das dificultades polas que pasa un sector estratéxico para a Costa da Morte. Buck acompaña a algúns dos percebeiros que cada día se xogan o tipo para satisfacer os padales máis esixentes e podentes. Os altísimos prezos que se pagarán no mercado polo prezado crustáceo galego, único no mundo, contrasta cos non tan altos beneficios que obteñen os percebeiros por arriscar as súas vidas nas rochas, golpeados unha e outra vez polas ondas do mar. Riscos que agora, coa crise, semellan que non pagan tanto a pena.

"En Muxía, como en moitas outras vilas ó longo da Costa da Morte, os percebes proporcionan un medio de vida a ducias de familias. Nun bo día, un percebeiro pode recoller seis quilos do prezado crustáceo e levar a casa uns poucos centos de euros. Pero eses días son raros, cada dia máis, sobre todo porque a crise financeira de España minguou a demanda do custoso percebe", escribe Buck.

O xornalista do diario económico explica que "o risco de ser aplastado contra as rochas, ou de caer no xelado mar está siempre presente". Entre os seus interlocutores está José Ramón Vilela, de 64 anos, presidente de Percebeiros de Muxía, quen lle recoñece a Buck que "un bo percebeiro sempre ten medo".

Tobias Buck describe as augas da Costa da Morte como "das más traizoeiras do Atlántico". Porén, "esas mesmas augas tamén se unen coa vida", explica aos lectores do Financial Times.

"A rexión presume de ter os peixes e mariscos más cobizados de toda España, dende langostas e pescadas até cangrexos e polbos. Mariñeiros e pesca no son só parte integral da economía da rexión, senón tamén da súa cultura e vida cotiá", prosegue o xornalista.

Buck bota a mirada atrás, aos vellos tempos, "cando os percebeiros de Muxía desafiaban ó mar de inverno con nada máis que uns pantalóns curtos e calzado deportivo" e "as mortes eran algo común". Pero agora os "traxes de neopreno fan o traballo máis más seguro, sobre todo ó permitir que os percebeiros que perden o equilibrio podan sobrevivir no xelado mar durante o tempo suficiente até que chegue axuda", explica. Sen embargo, "noutros aspectos o traballo estrañamente fíxose máis complicado", di o xornalista, quen apunta directamente á crise económica española.

"A recente crise económica de España asestou un duro golpe á demanda da que a industria aínda ten que recuperarse. Os prezos varían enormemente, dependendo da calidade e da época do ano. E acadan o seu maior pico xusto antes do Nadal, pero aínda así os prezos se manteñen moi por debaixo do nivel rexistrado antes da crise económica", explica o periodista.

Se no 2007 o prezo dun quillo de percebes era de arredor de 30 euros, agora é de 18. Pero a caída dos prezos no é o único problema. Buck apunta ás cotas de recollida de percebes como outro factor a ter en conta. "Por lei so ós que teñen un permiso válido se lles permite recoller percebes e só poden coller como máximo seis quilos ó día, e nunhas datas determinadas do ano. Esas restricións, sen embargo, se saltan amplamente", denuncia o xornalista, quen, segundo as fontes consultadas na súa reportaxe, sinala que cando menos a metade dos percebes que chegan ó mercado son recollidos de forma ilegal. Un problema que, segundo relata a Buck o propio alcalde de Muxía, Félix Porto, se agravou desde o inicio da crise económica, o que está a xerar grandes tensións entre os percebeiros ilegais e os que gozan de permiso, e que está contribuíndo, din, a abaratar os prezos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta