Novas modificacións nas Denominacións de Orixe: 'Ratiño Galega' admitida na DO Rías Baixas

A nova normativa publicada no DOG tamén modifica os requisitos obrigatorios para as mesturas das variedades en viños Rías Baixas Roseira, Salnés e Ribeira do Ulla.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/08/2024 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural publica este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas resolucións polas que se aproban diferentes modificacións de condicións da Denominación de Orixe Rías Baixas e da Indicación Xeográfica Protexidas Barbanza e Iria e que, entre outras cuestións, inclúe a variedade de uva branca 'Ratiño galega' á listaxe de admitidas para ambos os selos de calidade diferenciada.

Tal e como detallou a Xunta nunha nota de prensa, no caso concreto da DO Rías Baixas modifícanse os requisitos obrigatorios das mesturas das variedades para as tipoloxías de viño Rías Baixas Roseira, Rías Baixas Salnés e Rías Baixas Ribeira do Ulla.

Neste sentido, lembrou que estes viños poden levar, xunto co nome da denominación de orixe, outros nomes de zonas do seu territorio se, ademais de estar elaborados en adegas do correspondente territorio, contan tamén con uvas desa área xeográfica e de determinadas variedades.

Así, a partir de agora, aqueles viños elaborados baixo o nome de Rías Baixas Roseira, elaborados e producidos na subzona do Rosal, deben ter unha porcentaxe igual ou maior do 70% dunha ou varias das variedades Albariño, Loureira e Caíño Branco.

Doutra banda, inclúese a variedade branca 'Ratiño galega' na listaxe das admitidas na elaboración dos viños da denominación de orixe Rías Baixas, xa que se realizaron os estudos que acreditan que se trata dunha variedade autóctona recoñecida. Deste xeito, especificou a Consellería, a elaboración dos viños protexidos pola DO Rías Baixas realizarase exclusivamente con uvas das variedades Albariño, Treixadura, Loureira, Caíño branco, Torrontés, Godello e Ratiño galega para viños brancos; e Caíño tinto, Espadeiro, Loureiro tinto, Sousón, Mencía, Brancellao, Pedral e Castañal para os tintos.

Uva branca 'Ratiño galega'
Uva branca 'Ratiño galega' | Fonte: Galicia en viños

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta