Temas: FRASEOLOXíA

Fraseoloxismos galegos equivalentes ó castelán “ser más agarrado que un chotis” (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 26/08/2024 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

É practicamente seguro que todos sabemos dalgunha persoa que lle ten excesivo apego ó diñeiro, que fai todo canto pode para evitar gastalo e á que lle doe en exceso desprenderse del... e posto que se trata de persoas que finalmente todos coñecemos, a colectividade acaba creando tanto voces léxicas coma fraseoloxismos para se referir a elas. En castelán, e entre outros, un dos fraseoloxismos ós que se pode recorrer para nomear unha persoa deste tipo é o de es más agarrada que un chotis.

Monedas y billetes de euros
Monedas y billetes de euros

Vexamos algunha das moitas posibilidades (tantas, que imos dividir este artigo en dúas entregas para non vos saturarmos co seu contido) de que dispomos en galego para dar conta desa mesma significación:

Ser más agarrado que un chotis

Ser como un puño

Ser de la virgen del puño

Ser más agarrado que la virgen del puño

{= Ser unha persoa que lle ten excesivo apego ó diñeiro, que fai todo canto pode para evitar gastalo e á que lle doe en exceso desprenderse del.}

Ser (agarrado # amarrado) coma a virxe do puño && Ser máis agarrado/amarrado cá virxe do puño

Ser agarrado coma os dentes dun angazo && Ser máis agarrado cós dentes dun angazo

Ser amarrado coma as uñas dun martelo && Ser máis amarrado cás uñas dun martelo

Ser agarrado coma unha lapa && Ser máis agarrado ca unha lapa

Ex.: A buen puerto vas por leña si le pides dinero a ese, que es más agarrado que un chotis.

Vas xusto ó sitio se lle pides cartos a ese, que che é máis amarrado cá virxe do puño que che é agarrado coma os dentes dun angazo que che é máis amarrado cás uñas dun martelo que che é agarrado coma unha lapa.

● Tamén:

[Ser de los que] Tener la mano manca

[Ser dos que] Ter a man (moi) agarrada && [Ser dos que] Ter (moito) dos cartos && [Ser dos que] Só soltar o que lle sae por entre os dedos && [Ser dos que] Termar ben dos cartos

● E mais tamén:

Ser largo como pelo de huevo # como pelo de rata

Ser (agarrado/amarrado) coma o ano en que non hai pan && Ser (agarrado/amarrado) coma o ano en que non hai qué segar && Ser (agarrado/amarrado) coma o ano que non ten qué dar

Ex.: Vas xusto ó sitio se lle pides diñeiro a ese, que che ten a man moi agarrada que che ten moito dó dos cartos que só che solta o que lle sae por entre os dedos que che é agarrado coma o ano en que non hai pan que che é amarrado coma o ano en que non hai qué segar que che é amarrado coma  ano que non ten qué dar.

● E inda tamén:

Ser un pecha o pote # un pingalaceira # un uñas de fame # a chave da rabia && [E INDA, ASOCIADAS A CONTEXTOS FAMILIARES E COLOQUIAIS, E MESMO A UN REXISTRO VULGAR]: Ser un merda seca && Ser un cona seca

NOTAS:

1. Segundo se recolle na lexicografía galega consultada, a voz pingalaceira tanto pode facer referencia a unha persoa moi amarrada coma a unha persoa moi pobre.

2. A locución cona seca, co significado que aquí se reflicte, está tirada do traballo “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”, de Castro Otero e outros, no cal se di que só se aplica a mulleres.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas (xuntamos as fontes en que baseamos esta entrega e mais a seguinte):

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Alonso Estraviz, Isaac: Dicionário Estraviz. Obra en liña, accesible na URL https://estraviz.org/.

- Asociación de Escritoras/Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”1, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.

- Estévez Rionegro, Noelia: “Fraseoloxía do noroeste de Valdeorras”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 305-317. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través da internet, no enderezo seguinte:

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/pilar11.html

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta