Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2024 | Actualizada ás 14:30
As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) galegas participaron nun total de 48.179 operativos ao longo de 2023, cunha media diaria de máis de 132 intervencións.
Segundo detallou a Xunta, as actuacións centráronse na súa maioría en accidentes de tráfico, con case o 35%, ademais de en incidentes relacionados con animais, incendios, rescates e operativos sanitarios e de seguridade.
Así mesmo, tamén realizaron asistencias en festivais, eventos deportivos e outras concentracións masivas, para o correcto desenvolvemento da programación e evitar riscos. De feito, un 25% das actuacións realizadas polas AVPC tiveron lugar en fins de semana e datas específicas. En 2023, os colectivos de agrupacións de voluntarios de Protección Civil presentes en Galicia ascenderon ata os 235, "máximo histórico".
Para un desenvolvemento eficaz do seu traballo, a Xunta destina a estas agrupacións máis de 20 millóns de euros a través de diferentes íneas de axudas. En concreto, este financiamento permitiu adquirir novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a favor da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario.
Tamén contan cunha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou a preto de 200 colectivos.
A formación é outro dos alicerces do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un centenar de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.