Por Galicia Confidencial | Cualedro | 12/12/2015 | Actualizada ás 13:25
A proliferación, nesta época do ano, de animais salvaxes como os xabaríns ou os lobos está a provocar numerosos accidentes nos viais galegos. O último deles tivo lugar na noite deste venres cando catro vehículos resultaron danados nun accidente provocado por un porco bravo que accedeu á autovía A-52, á altura do quilométrico 175 en sentido Vigo, no termo municipal de Cualedro.
O sinistro saldouse sen danos persoais pero con cuantiosos danos nos vehículos, ademais de obrigar a interromper o tráfico na citada vía. O conductor non viu ao animal debido a intensa néboa que había na zona no momento do sinistro.
Sen embargo, ao longo do día de onte houbo outros tres accidentes máis nos que estiveron implicados lobos e xabaríns. Así, en Mazaricos, ás 20:00 horas, un lobo, segundo confirmaron os axentes da Garda Civil, atravesou a DP-2304, no tramo que vai desde Piñeiro do Val á Picota, sendo alcanzado o animal por un turismo que tamén resultou danado.
Outros porcos bravos cruzáronse noutras vías, como, por exemplo, na N-120, en Quiroga ou na estrada de Sober a Tilleiros ou na N-540, en Portomarín. En ningún dos casos rexistráronse persoas feridas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.