Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/08/2024 | Actualizada ás 13:27
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sanción de 38.000 euros imposta pola Xunta a unha fundación por cometer seis infraccións na xestión dunha residencia de maiores de Ourense, unha delas moi grave. Desta forma, rexeitou o recurso presentado pola entidade contra a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense, que considerou “plenamente acreditada” a comisión dos feitos polos que foi multada.
En concreto, a administración pública impúxolle dúas sancións por infraccións leves de 1.000 euros cada unha por non presentar no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais as memorias de actividades da entidade dos anos 2016, 2017 e 2018 e polas deficiencias estruturais ou de acabado nos locais e nas instalacións, no mobiliario ou nos útiles, así como no seu funcionamento, sen que diso derivase un risco para as persoas usuarias.
Ademais, multouna por incorrer en tres infraccións graves. Así, sancionouna con 3.001 euros por non respectar o menú exposto e pola escaseza da comida que se servía; con 15.000 euros por non garantir a presenza física de persoal de enfermería durante as 24 horas; e con 3.001 euros por obstrución ao labor inspector. Por último, a Xunta impúxolle o pagamento de 15.001 euros por cometer unha infracción moi grave ao aplicar a un residente unha medida de contención física tipo chaleco de suxeición en cadeira, sen prescrición médica nin consentimento informado.
O TSXG advirte que a revisión da valoración probatoria “só se pode levar a cabo cando se denuncia na apelación a infracción das regras sobre a carga da proba, cando o xuízo valorativo se revela de modo patente ou manifesto como erróneo, ilóxico, arbitrario ou non razoable ou cando conduce no seu conxunto a resultados inverosímiles, pero non cando do escrito de apelación se desprende o mero propósito da parte apelante de substituír coa súa propia valoración da proba a realizada polo xulgador de instancia”.
NON CONTA CON PERSOAL DE ENFERMARÍA ADECUADO
Na resolución, os xuíces sinalan que a necesidade de que o centro conte con persoal de enfermería “en número suficiente para garantir a súa presenza durante as 24 horas do día” é unha esixencia imposta na Orde de 18/04/1996 relativa á regulación das condicións e requisitos específicos que han de cumprir os centros de atención a persoas maiores. “A xulgadora de instancia non incorreu en ningún erro: nesas dúas visitas -realizadas polos inspectores en 2019 e 2020-, o número de dependentes superaba os 40, o que obrigaba a contar coa presenza física de persoal de enfermería permanente durante as vinte e catro horas”, salienta o TSXG.
A Sala tamén recalca que na sentenza de primeira instancia se analiza a sanción de 3.001 euros que se lle impuxo á fundación por non respectar o menú exposto e pola escaseza da comida que se servía ás persoas usuarias. Así, entende que as alegacións realizadas pola entidade resultan “insuficientes” para desmerecer a apreciación persoal da inspección, “que non deixou marxe para a dúbida sobre que as cantidades servidas eran escasas”.
En canto á sanción de multa de 15.001 euros que se impuxo á apelante, confirmada polo xulgado de primeira instancia, o alto tribunal galego recalca que “non é factible compartir a tese esgrimida no recurso de que a medida de suxeición aplicada non comportou un trato degradante nin incompatible coa dignidade do usuario”. Desta forma, lembra que as medidas de contención “non se han de aplicar cando hai medidas alternativas, nin como castigo, por comodidade do persoal ou por reducir a vixilancia”. Os maxistrados afirman que a parte apelante “non demostrou que esa medida de contención era necesaria, segura, proporcionada, xustificada, prescrita por especialista e consentida”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.