Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/12/2015 | Actualizada ás 16:20
“Hai un desleixo do Goberno español cos votantes membros do CERA que queremos votar desde o exterior”. Así describe un galego que está nos EE.UU. a súa frustración ao non poder exercer o seu dereito ao voto. E, como el, hai outros moitos casos de xente que quere votar pero, co novo sistema do voto rogado, están tendo numerosos problemas para facelo.
Máis de 783.000 cidadáns do Estado solicitaron o voto por correo para as eleccións xerais do próximo 20 de decembro, un 14,40 % máis que nos comicios do 20 de novembro do 2011, cando o pediron 684.711 persoas. Deste total, 54.641 son galegos. Segundo os datos facilitados por Correos, das 54.641 solicitudes xestionadas en Galicia para votar por correo, 21.487 corresponden á provincia da Coruña; 16.907, á de Pontevedra; 8.177, á de Lugo; e 8.070 á de Ourense.
Pero, o procedemento para votar é complicado, “un fastidio”, apuntaba Marcos Vázquez Trillo, emigrado no Reino Unido, ao GC. Os emigrantes teñen que estar rexistrados no Censo de Residentes Ausentes (CERA) e logo pedir o voto. Entón, o Goberno español manda un formulario para cubrir e os prazos para enviar dita documentación. Os emigrantes teñen, logo, que remitir esta documentación por correo postal certificado ou por fax, xunto cunha copia do DNI ou pasaporte. Unha vez feito isto reciben toda a documentación para poder exercer o dereito ao voto.
Por iso, a maior parte dos emigrantes cos que contactou GC tiveron problemas e algún vai quedar sen poder facelo por erros burocráticos, como Gabriel, que non o vai poder votar desde os EE.UU. E é que a pesar de remitir a documentación o pasado 4 de decembro, o CERA respondeulle que xa estaba fora de prazo –cando o prazo oficial remataba o pasado 16 deste mes.
Outros, directamente, non o van poder facer por non ter tempo e cartos para desprazarse a embaixadas ou consulados. É o caso de Álex Louro:"Eu non vou votar, agás que poida ir de vacacións. O por que é moi sinxelo: ninguén pon as cousas doadas para facelo. Haise que desprazar mínimo unhas cinco horas para poder rexistrarte nun consulado que non existe en Manchester (sendo esta a segunda cidade máis grande de UK) e non todos dispoñemos de tempo ou cartos para poder facelo”.
E tamén hai quen preferiu adiantar as vacacións para exercer directamente o seu dereito ao voto en Galicia, como é o caso de Fátima González Rial, que tamén tivo problemas para votar por correo. "Eu conto con votar. Para iso tiven que adiantar as miñas vacacións de Nadal, e se todo sae ben, pois chegarei un día antes e poderei exercer o meu dereito ao voto”.
O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu xa que o actual sistema de voto emigrante prexudica aos emigrantes galegos. "Creo que era necesaria unha reforma pero o seus efectos prácticos se sitúan no extremo contrario, xa que por garantir a limpeza, prexudícase aos galegos que queren exercer o seu dereito", dixo hai uns días.
"Foi un acerto cambiar o sistema, pero hai que asumir que impide o voto da emigración, un erro no que non debemos caer. Porque a un español que está fóra de España non se lle pode impedir que decida o futuro do seu país, ao que probablemente quere retornar", engadiu. Por iso, o presidente galego destacou a necesidade de modificar de novo as condicións do voto emigrante para os quen residen no exterior poidan acudir ás urnas sen problemas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.