Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2024 | Actualizada ás 14:53
O PSdeG negou que adoptase un cambio de opinión sobre o seu rexeitamento ao proxecto de Altri na comarca da Ulloa que para o PP é "obvio" e demostra que o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, "non é de fiar".
O 'non' firme expresado por Besteiro o pasado domingo nunha entrevista radiofónica foi comentado durante as roldas de prensa celebradas tras a xunta de portavoces deste martes. A preguntas dos xornalistas, a viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, defendeu que non existe un cambio de parecer do PSdeG sobre Altri porque "sempre" reclamaron un "proxecto viable" desde o punto de vista "económico, ambiental e social".
Esas "tres patas", en palabras de Espinosa, están "vinculadas" porque "non son compartimentos estancos" e, para os socialistas galegos, non está garantido que o proxecto da multinacional portuguesa vaia a cumprir con cada unha delas. "É o que sempre defendemos", apostilou.
Con todo, o PP cre que hai un "evidente" xiro de opinión nos socialistas galegos, como expresou o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos Couñago, que considera que, con el, Besteiro "demostra unha vez máis que non é de fiar". "É ridículo que neguen o obvio", aseverou Pazos, que acusou ao máximo responsable do PSdeG e a líder do BNG, Ana Pontón, de "non estar interesados" en que Galicia conte con "ningún proxecto industrial mentres o PP estea no Goberno".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.