Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 18/09/2024 | Actualizada ás 11:38
O Revenidas 2024 trouxo a Vilaxoán 28.000 persoas ao longo dos catro días que durou o festival. En dúas das xornadas, a do venres 13 e a do sábado 14 de setembro, completouse o aforo do recinto, con 8.500 asistentes en cada unha. A iso hai que sumar ás 6.500 persoas que acudiron o xoves e as 4.500 que se achegaron o domingo final.
ÉXITO TOTAL DA SARDIÑADA POPULAR
Precisamente a xornada do domingo, xa coas portas abertas, foi a máis multitudinaria que se lembra nos últimos anos. Miles de persoas congregáronse ao mediodía para desfrutar da tradicional sardiñada Rías Baixas. A organización dispuxo de 800 quilos de sardiñas asadas que se esgotaron en apenas hora e media. Despois da sardiñada o público permaneceu no recinto para asistir á gala de circo e, xa pola tardiña, aos concertos de Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures, cos que se pechou o festival.
Máis alá das cifras, os organizadores subliñan o “excepcional ambiente” que se viviu durante estas catro xornadas no recinto do festival e no conxunto de Vilaxoán. A mellor mostra tivo lugar o sábado, unha xornada na que o público encheu o recinto do Revenidas dende as 12 de mediodía ata pasadas as catro da madrugada.
AGRADECEMENTOS
Os responsables do festival agradecen un ano máis o comportamento do público, destacando a ausencia de incidentes importantes e con atencións sanitarias leves (cortes, pequenas contusións...), e tamén a boa acollida da veciñanza de Vilaxoán.
No que respecta a patrocinadores institucionais e privados, a organización tamén agradece o seu compromiso co Revenidas, "un compromiso que na maioría dos casos xa se remonta a varios anos e moitas edicións", din.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.