A Xunta subliña que "non se fixo un estudo para fusionar obrigatoriamente a ninguén": "O camiño é a voluntariedade"

Expertos analizan sete posibles fusións como "simulacións teóricas" que só se basean na perspectiva económica, sen analizar outros condicionantes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 19/09/2024 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, subliña que "a Xunta non vai fusionar a ninguén obrigatoriamente", xa que "o camiño é a voluntariedade" por parte dos municipios. "Non se fixo un estudo para fusionar obrigatoriamente a ninguén, non é certo", afirma. Así o expuxo no acto de presentación (celebrado en Compostela) do estudo 'Reforma do mapa municipal de Galicia', que analiza sete posibles fusións de municipios galegos: Santiago e Teo; Noia e Lousame; Sanxenxo e Meaño; Alfoz e Valadouro; O Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín; e plantexa dúas propostas que implican a concellos do Deza, unha para toda a comarca (Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e outra só para Lalín, Rodeiro e Dozón.

Respecto diso, o coordinador deste informe e director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, aclara que estes son casos "hipotéticos" de fusións nos que se observa "unicamente a cuestión económica", xa que non se teñen en conta condicionantes "fundamentais" de características sociodemográficas, xeográficas ou respaldo veciñal. "Non se trata de propostas, nós non facemos ningunha proposta, facemos un estudo de casos de hipotéticos", insiste. "Os escollidos foron eses, poderían ser calquera outros", asegura.

O coordinador deste documento valora que se trata de propostas "valentes" orientadas a fortalecer a planta municipal de Galicia. Apunta a que un 83 % dun milleiro de enquisados están a favor dunha fusión voluntaria, pero esa taxa esborrállase ao 37 % se se trata de obrigatoria. Nesta liña, Alberto Vaquero, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, incide en pedir "tranquilidade" porque se trata dunha "simulación teórica soamente económica".

"UNHA PENA QUE OUTRAS FORZAS NON QUEIRAN ENTRAR NESTE DEBATE"

Pola súa banda, Diego Calvo cre "fundamental" debater sobre os problemas que teñen os municipios porque "non hai unha opinión unánime". "Pode ser que nos equivoquemos", expón, "o que non van dicir é que o goberno non fixo nada". Para iso, recorreuse a expertos multidisciplinares das tres universidades para realizar este estudo de cara a buscar solucións "entre todos", aínda que cre unha "pena que outras forzas con representación en Galicia non queiran entrar neste debate". Igualmente, Calvo lembra que existen "moitas formas de colaboración" entre concellos ademais das fusións, aínda que cre que as dúas que levaron a cabo a Galicia nos últimos anos "saíron ben" e "a poboación non tivo ningún problema".

Presentación do estudo 'Reforma do mapa municipal de Galicia'. XUNTA
Presentación do estudo 'Reforma do mapa municipal de Galicia'. XUNTA | Fonte: Europa Press

BENEFICIOS DE ESCALA

Durante unha das mesas redondas desta cita, o catedrático da USC Rubén Lois encargouse da perspectiva histórica para sinalar o "problema" de que a planta municipal galega sexa igual que hai 200 anos nun territorio "completamente diferente". Non entanto, chama a atención acerca de que Galicia non é a comunidade que presenta os municipios máis pequenos, como é o caso de Castela e León, senón que ten incluso unha media superior á media e non chegan ao 2 % os que teñen menos de 500 habitantes.

Francisco Javier Sanz Larruga (UDC) fixo a análise da parte xurídica e Manuel García Docampo (UDC) referiuse a a parte sociolóxica. Mentres, Alberto Vaquero puxo o foco sobre os beneficios das economías de escala ao unirse municipios, posto que "canto maior é o número de usuarios" a atender nun servizo "o custo medio vai caendo". Isto obsérvase precisamente en que son os municipios máis pequenos os que máis gastan por habitante para poder ofrecer un servizo, o que carrexa maior "ineficiencia económica".

Engade que o obxectivo é mellorar a calidade de vida da cidadanía, con mellores servizos a custos máis reducidos. De feito, apunta a estudos sobre que coas fusións pódese "combater" o despoboamento. Móstrase "bastante crítico" coas mancomunidades ao non facilitar datos algunhas delas para coñecer a súa eficiencia, á vez que observa un "éxito limitado" nas áreas metropolitanas.

Vaquero deixa claro que "non existe unha panacea" e a fusión non é a única opción, a cal debe ser voluntaria e apoiada pola cidadanía, dado que "as obrigatorias non funcionan". Sobre os casos recentes de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade, cre que "faría falta máis información" para coñecer se alcanzan uns resultados económicos mellores, polo que pide esperar, aínda que se constata un incremento tanto de ingresos como de gastos. De tal forma, este profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo deu conta das vantaxes económicas que suporían as sete fusiones analizadas neste estudo "valente". Principalmente, o aumento de poboación faría que os concellos incrementasen os ingresos estatais e doutras partidas.

A modo de exemplo, a fusión de Santiago e Teo daría lugar ao terceiro maior municipio de Galicia, con preto de 120.000 habitantes, o que aseguraría máis fondos estatais. Igualmente, Sanxenxo-Meaño, que tería preto de 23.000, aumentaría ingresos do Estado ao superar os 20.000 veciños e ser municipio turístico. Tamén participaron os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais de Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, que se congratularon de que estas institucións puidesen achegar o seu labor ao estudo.

BESTEIRO PIDE "UNHA ANÁLISE SERIA", NON "DISCURSOS TRAMPOSOS"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, considerou que as fusións dos concellos deben partir "dunha análise económica seria" e rexeitou "discursos tramposos" a este respecto. Lembrou que as fusións "sempre son e seguirán sendo voluntarias" polo que considerou que, nestes momentos, "non hai nada novo" sobre este asunto. "O que si debería de haber é unha análise económica de como gañan eficiencia eses concellos e iso dirá se o método é a fusión ou outro como ampliar as mancomunidades de servizos", dixo para soster que, a partir de aí, poderase entrar "nunha análise seria e rigorosa da planta local".

"O demais é ánimo de despistar e un discurso tramposo viciado de orixe", afirmou para sinalar que o das fusións é un "tema recorrente" do Partido Popular, que fai "un xogo, unha trampa" ao falar das fusións sen abordar o "realmente importante", que son "as contas". "Se eu quero facer unha fusión, quero ter claras as contas desa fusión", advertiu para sinalar que, o contrario, faría que se partise dunha "análise equivocada".

Así, rexeitou que se poida pensar que "simplemente porque se produza unha fusión" como a de Oza-Cesuras ou Cerdedo-Cotobade a poboación vai crecer porque, como sinalou, este último, "acaba de perder poboación". "O que hai que facer é a análise ao revés: que servizos prestan os concellos, para que poboación e con que financiamento e se é suficiente ou non", trasladou para insistir en que se a análise "está viciado" non se poderá chegar a unha conclusión obxectiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta