A extinción dos contratos do programa María Zambrano fai que invesigadores da USC pidan unha solución

"A perda destes impulsos científicos representará un prexuízo significativo para as nosas universidades, para a comunidade científica, así como para os territorios nos que nos inscribimos", aseveran nun comunicado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2024 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

Investigadores e investigadoras que desempeñan o seu traballo na USC a través do programa María Zambrano urxiron ás administracións que acheguen solucións ante a "inminente extinción" dos seus contratos que, ademais de deixar no aire o futuro profesional, ameaza a continuidade dos seus proxectos.

Nun comunicado remitido aos medios este venres, o grupo que participa na USC por este programa do Goberno central enfocado a reter talento a través de bolsas para investigadores que desenvolvían a súa carreira no estranxeiro denuncian que a iniciativa "non está a cumprir coa súa función de establecer unha política efectiva de recualificación do sistema universitario".

Afirman que a convocatoria "acabou convertida nunha proposta de atracción temporal de talento" que, coa extinción dos seus contratos, "ameaza" con expulsalos de novo do sistema universitario español.

Sosteñen que as consultas e reunións mantidas co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña, e a Consellería de Educación Ciencia, Universidades e Formación Profesional "non deron, ata agora, resposta nin solución" á súa problemática.

Por todo iso, reclaman unha prórroga dos seus contratos para poder "consolidar" os proxectos iniciados, algúns dos cales están pendentes de resposta ante peticións de financiamento nacional e internacion.

"Todo iso nace e morre connosco. A perda destes impulsos científicos representará un prexuízo significativo para as nosas universidades, para a comunidade científica, así como para os territorios nos que nos inscribimos", aseveran no seu comunicado.

Pon como exemplo as decisións de institucións académicas como a Universidade de Salamanca, que prorrogou os contratos dos participantes no programa María Zambrano, ou a Universidade de Vigo, que tamén explora vías para prolongar a vinculación dos investigadores.

"Entendemos que existen posibilidades para afianzar aos investigadores nos seus equipos e reclamamos que sexan exploradas canto antes. Queremos seguir traballando na recualificación do sistema universitario e contribuíndo ás comunidades nas que traballamos", conclúen.

Laboratorio de investigación oncolóxica. GVA
Laboratorio de investigación oncolóxica. GVA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta