Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/12/2015 | Actualizada ás 09:20
O cruce de declaracións entre dirixentes de En Marea e o PSdeG non fai máis que aumentar. Unha situación que, senón se atalla, pode poñer en risco un futuro entendemento conxunto para desprazar ao PP do poder nas autonómicas do vindeiro ano, sempre e cando as sumas electorais así o permitan.
O sábado era Xosé Manuel Beiras quen lle facía unha chamada de atención aos socialistas e os previña para que non apoiaran un goberno de Rajoy. O domingo contestáballe o líder do PSdeG, José Ramón Besteiro, quen lembraba que En Marea aínda está “por madurar” porque é un “conxunto de partidos "nacionalistas a tempo completo, nacionalistas a tempo parcial, nacionalistas do 25 de xullo, comunistas e postcomunistas".
"Algúns están por madurar e outros xa se caeron da árbore de maduros", contestoulle este luns o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Así, lembrou que o secretario xeral do PSdeG está "imputado e que, a maiores, vén de sufrir unha discrepancia na votación do seu senador electo", facendo referencia á designación como senador de Modesto Pose, na que non todo o grupo parlamentario do PSdeG votou a favor. "Debe ser moi fácil nestes momentos sacar a lingua a pastar", indicou.
Noriega volveu a insistir na idea de Beiras e aseguraba que un hipotético pacto do PSOE co PP suporía a "pasokización definitiva" do partido de Pedro Sánchez, en alusión ao desmembramento dos socialistas gregos, o PASOK. “Estou convencido de que a base social dos socialistas non votou para facilitar un goberno do PP porque unha cousa son as dinámicas do seu núcleo dirixente e as baronías e outra moi distinta as bases do partido”, apuntou en declaracións aos medios.
Neste sentido, suliñou que cando algúns falan de “razóns de Estado", en realidade "están a falar de razóns propias dentro da dinámica partidaria". Por iso, acusou aso baróns socialistas de tentar “continuar” cun modelo bipartidista "esgotado" e instounos a "facilitar a apertura dunha nova etapa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.