Os Premios Youtubeiras ábrese ao contigo en galego en Tik Tok

Os premios repartirán 7500 euros entre as persoas gañadoras de sete categorías: canle de Youtube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público.

Por Galicia Confidencial | Teo | 24/09/2024 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, abre hoxe o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado. Unha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen.

Presentación dunha nova edición dos premios Youtubeiras
Presentación dunha nova edición dos premios Youtubeiras | Fonte: Youtubeiros

“Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+”, explicou Cristina López, vicerreitora de igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá na Reitoría da Universidade da Coruña, na que estivo acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude do Concello de Oleiros, María José Santos Zas. 

O prazo de inscrición para esta edición xa está aberto e remata o vindeiro 15 de novembro ás 23.59 horas. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.

Os Premios Youtubeiras+, tal e como sinalou a alcaldesa de Teo, repartirán nesta nova edición 7500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos . Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro. 

O xurado dos Premios Youtubeiras+ estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta