A Academia de Ciencias premia a investigadores da UDC por analizar a toxicidade de nanomateriais

O Grupo de Investigación en Diagnóstico Conductual e Molecular Aplicado á Saúde recibe o Premio de Investigación 2015 da Real Academia Galega de Ciencias.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 07/01/2016 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Un estudo científico que analiza en profundidade a posible toxicidade a nivel celular e molecular de nanopartículas utilizadas en biomedicina resultou gañador do Premio de Investigación 2015 da Real Academia Galega de Ciencias. O equipo galardoado está composto polos doutores Blanca Laffon, Gözde Kiliç, Eduardo Pásaro e Vanessa Valdiglesias, do Grupo de Investigación en Diagnóstico conductual e molecular aplicado á saúde, DICOMOSA, da área de Psicobioloxía da Universidade da Coruña (UDC).

Investigadores do Grupo de Investigación en Diagnóstico Conductual e Molecular Aplicado á Saúde, da Universidade da Coruña
Investigadores do Grupo de Investigación en Diagnóstico Conductual e Molecular Aplicado á Saúde, da Universidade da Coruña | Fonte: UDC.

Segundo informa a propia institución académica, o traballo trata un campo científico emerxente nos últimos anos como é a nanotecnoloxía. Os nanomateriais (materiais a escala nanométrica, a millonésima parte dun milímetro) posúen unhas propiedades especiais que os fan adecuados para unha gran variedade de utilidades, entre elas diversas aplicacións biomédicas. Non obstante, a potencial toxicidade destes materiais, presentes xa no mercado en múltiples produtos utilizados na vida diaria como cosméticos, roupa ou pinturas, aínda non se coñece en profundidade.

O estudo premiado analizou a interacción de neuronas humanas con nanopartículas de óxido de ferro recubertas con sílice, que teñen aplicacións en resonancia magnética, destrución dirixida de tecidos tumorais e liberación controlada de medicamentos. Os resultados obtidos permiten descartar a toxicidade destas nanopartículas, xa que unicamente se obtiveron resultados positivos ás concentracións máis altas ou tempos de exposición máis prolongados que foron testados.

Recoñecementos

Este non é o primeiro premio que recibe este grupo de investigación de recoñecido impacto nacional e internacional. Desde o ano 2002 conseguiron outros cinco premios relacionados con temáticas tan diversas como os polimorfismos xenéticos, os riscos en persoal de enfermaría, os oligoelementos da dieta ou a fraxilidade en persoas maiores. Ademais, unha das investigadoras do equipo, a doutora Vanessa Valdiglesias foi recentemente nomeada a mellor investigadora nova de 2015 pola Sociedade Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental e a doutora Blanca Laffon é reclamada con frecuencia en Estados Unidos para intervir en congresos e foros de debate sobre os efectos dos verquidos de petróleo para a saúde humana, dada a súa experiencia polo traballo realizado trala catástrofe do Prestige.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta