Volve "A praia dos afogados", o supervendas da literatura galega actual

Galaxia envía estes días ás librarías galegas a sétima edición da novela de Domingo Villar, con 38.000 exemplares vendidos en lingua galega e que xa foi traducido a doce linguas.

Por GC Tendencias | Vigo | 07/01/2016 | Actualizada ás 22:41

Comparte esta noticia

Estes primeiros días de xaneiro vai chegando ás librerías a sétima edición dun dos supervendas da literatura galega de todos os tempos como é A praia dos afogados de Domingo Villar. Ademais do éxito sen discusión en galego, con 38.000 exemplares vendidos, a aventura de Leo Caldas goza do favor de milleiros de lectoras e lectores en linguas como o castelán e o inglés. Recentemente a novela volveu ao primeiro plano informativo, ademais de polos seus méritos literarios, pola adaptación cinematográfica protagonizada por Carmelo Gómez no papel do espelido e melancólico inspector creado por Domingo Villar.

Domingo Villar
Domingo Villar | Fonte: galaxia

A praia dos afogados é unha  novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo, que lle valeu ao seu autor o Premio Frei Martín Sarmiento 2011 na categoría de adultos, o Premio Losada Diéguez de Creación Literaria e o Premio Brigada 21 de novela negra. Tamén foi finalista do International Dagger Prize 2011 e Libro do Ano nos Premios Irmandade do Libro 2009, 

A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos. Unha pescuda policial que tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas.

Domingo Villar (Vigo, 1971) vive en Madrid, onde traballou como guionista de cinema e de televisión. Coa súa primeira novela, Ollos de auga (2006, 12ª impresión o 2014), obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento (concedido por alumnos e alumnas lectores de toda Galicia) e, coa súa tradución para o castelán (Editorial Siruela), os premios Sintagma e Brigada 21. Tamén foi finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards en Gran Bretaña. Publicada en doce países, a primeira novela protagonizada polo inspector Leo Caldas é un dos libros máis vendidos entre os lectores e lectoras galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta