O xuíz Andrés Lago Louro, instrutor da causa Alvia, nomeado novo presidente do Consello Consultivo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2024 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) formaliza este luns o nomeamento do xuíz Andrés Lago Louro como novo presidente do Consello Consultivo de Galicia (CCG) coa publicación do decreto de designación que asina o presidente autonómico, Alfonso Rueda.

A 'oficialización' do nomeamento chega despois de que a semana pasada fose elixido polo pleno do órgano consultivo para suceder ao ata agora presidente en funcións, o conselleiro José Antonio Fernández Vázquez.

Segundo informou o Consultivo, Lago Louro foi elixido por unanimidade do pleno o pasado 2 de outubro, un paso co que o órgamo sostén que "reforza o seu compromiso de continuar cun labor de excelencia e rigor ao servizo de Galicia e das Administracións públicas galegas".

O maxistrado, que entrou no órgano a proposta do PP o pasado mes de setembro, defendeu, na comparecencia da Comisión Institucional da Cámara autonómica na que presentou a súa candidatura, a súa "vocación de servizo público".

Xuíz decano de Santiago de Compostela e instrutor da causa do accidente do Alvia, apostou por que o Consello Consultivo deixe de ser un órgano "pasivo" ao cal as administracións poden consultar a súa postura e, por contra, adopte unha actitude "máis proactiva".

O titular do xulgado de instrución número 3 e decano de Santiago, Andrés Lago Louro / EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press
O titular do xulgado de instrución número 3 e decano de Santiago, Andrés Lago Louro / EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta