Por Galicia Confidencial | Lugo | 12/01/2016 | Actualizada ás 16:30
O colectivo Agromuralla, que domina as mobilizacións do sector lácteo en Lugo, quere artellar un grupo empresarial propio. A directiva deste grupo transmitiu este plan a uns 400 gandeiros reunidos o luns no hotel Torre de Núñez de Lugo, segundo informa Campo Galego, o portal que sigue polo miúdo a actualidade do agro do país.
A idea dun grupo lácteo que transforme o leite e no que participen os produtores do país é unha das aspiracións máis antigas do sector en Galicia, e tamén de varios partidos. Con todo, até o de agora todos os intentos fracasaron. Agromuralla quere incorporar ao proxecto a gandeiros doutras autonomías.
Na reunión o colectivo desvinvulouse de novo do PP e do seu sindicato próximo, Xóvenes Agricultores. Os sindicatos miran con desconfianza a Agromuralla, a quen consideran próximo aos conservadores, debido a que algún das súas cabezas visíbeis militou en Xóvenes e tivo familiareas en candidaturas do PPdeG.
“Cando os estaleiros galegos quedaron sen pedidos, o propio Feijóo foi a México para buscar encargos de barcos; foi a Francia para que Citroën se quedase en Vigo con varios millóns en axudas, pero cando se tratou de solucionar a crise do sector lácteo Feijóo non estaba”, dixo Roberto López, que actúa como voceiro.
Agromuralla mantén rodeada a Muralla de Lugo dende antes do Nadal con centos de tractores. A patronal local solicitou a Delegación do Goberno, é dicir á Policía, que obrigue aos granxeiros a marcharse. Hoxe están previstas varias reunións coas administracións na que se abordará se sigue a mobilización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.