Radiografía dun transplantado en Galicia

Un total de 337 persoas conseguiron vivir en 2015 grazas a un transplante. O Chuac é o centro de España que máis transplantes fixo o pasado ano, con 257. O maior número de operacións foron de ril.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/01/2016 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

Galicia segue por enriba do Estado en canto a número de transplantes. Desde o primeiro transplante efectuado no país en 1981, efectuáronse un total de 6.947, polo que, ao ritmo actual, no primeiro trimestre deste ano podería superar a barreira dos 7.000.

Quirófano dun hospital galego
Quirófano dun hospital galego | Fonte: lainformacion.com

De feito, 337 persoas conseguiron vivir o pasado ano grazas a operacións deste tipo. O índice situouse o ano pasado nunha media de 39,9 doantes de órganos por millón de habitantes, dúas décimas por encima do conxunto de España que tivo unha media foi de 37,7 doantes o ano pasado.

Deste xeito, Galicia tivo un aumento de 22 % en número de transplantes respecto ao ano anterior, e incrementou nun 20 % o número de doantes de órganos.  Do total de operacións, 167 foron de ril -37 dos cales procedían de doantes vivos- 94 de fígado, 47 de pulmón, 25 de corazón e 4 de páncreas.

A idade media por doante en Galicia foi de 61,1 anos, lixeiramente por encima da media de España que foi de 59,6 anos. Ares destacou que o rexeitamento dalgunhas familias a ese tipo de doazóns representou en 2015 un 22,7 %, fronte a 27,2 o ano anterior, moi por encima a media de España que foi de 15,3 %.

Respecto das causas do falecemento dos doantes, a primeira, con case tres cuartas partes, son os accidentes cerebrovasculares, mentres que as vítimas por accidentes de tráfico, que en anos anteriores significaban unha maior porcentaxe, significaron unicamente 3,7 % dos doantes en 2015.

O Chuac é o centro de España que máis transplantes fixo en 2015, con 257, fronte a 212 o ano anterior, mentres que o Complexo hospitalario universitario de Santiago de Compostela, o outro gran centro de transplantes de órganos en Galicia, fixo 79 operacións, fronte a 63 en 2014.

En canto á lista de espera para ese tipo de intervencións, a finais de 2015 había tres persoas agardando un transplante de corazón, 29 de pulmón, 73 de fígado, 8 de páncreas e 208 de ril, o que suma un total de 321 persoas, fronte a 424 a finais de 2014.

O balance do ano pasado foi presentado nunha conferencia de prensa polo director xeral de asistencia sanitaria da Xunta, Ramón Ares, acompañado do director da oficina de coordinación de transplantes, Jacinto Antón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 antón de guizán

Pero en Galicia seguimos estando cun nivel de doazóns moi baixo