Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2024 | Actualizada ás 18:15
Unións Agrarias solicitou que se flexibilicen determinadas condicións para xustificar as axudas da PAC pola situación na que están as terras despois do paso do temporal Kirk.
Así o trasladou nun comunicado remitido aos medios, no que a organización agraria advirte de que non será posible a sementeira de herba nin sacar o millo estragado ao estar as parcelas impracticables.
Neste sentido, UU.AA incidiu nas graves consecuencias que terá para a viabilidade de moitas explotacións os danos na produción de forraxe, ao ter en conta que "apenas un 20% das plantacións de millo tiñan pólizas de seguros vixentes". Así, do total de 78.815 hectáreas en produción de forraxe, a organización sinala que só 14.700 contaban con algunha póliza de seguro.
Unións Agrarias considerou que a perda da base da alimentación para as gandarías de vacas de carne ou leite vai forzar a acudir masivamente aos mercados de pensos e concentrados para poder manter as explotacións. "Esta circunstancia, sen dúbida, vai supor un incremento dos custos de produción moi fortes para moitas delas", avisa.
UU.AA. pide á Xunta un plan de choque para afrontar a reconstrución de infraestruturas rurais como canalizacións, pistas e camiños que quedaron seriamente danadas. Ademais, reclama que se habilite unha liña de axudas para evitar o peche de granxas ou ben que se permita repercutir no prezo das producións lácteas ou cárnicas os incrementos de custos nas granxas.
Por último, fixo un chamamento para que habiliten as solucións necesarias para evitar que se confirme a ameaza sobre a produción de pataca na Limia xa que a inundación de terras impide podr cosechalas, co risco qeu iso supón de que se estraguen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.