Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/01/2016 | Actualizada ás 16:00
Hai uns meses o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que a factoría de Ence sería trasladada fóra da ría de Pontevedra. Unha opinión que mantivo e fixo pública en varias ocasións ata que decidiu calar. O seu silencio xa avanzaba unha nova estratexia por parte do Goberno galego e da Administración central; deixar que a papeleira seguira na súa ubicación actual.
Alberto Núñez Feijóo desvelaba este xoves os motivos da prórroga a factoría; ou ficaba na ría de Pontevedra, ou pechaba e trasladaba a súa produción para a empresa que mantén en Navia, Asturias. E, ante esa suposta ameaza ou chantaxe, a Xunta e o Goberno central decidiron ceder e manter a factoría 50 anos máis en Pontevedra.
“Se puideramos trasladala, claro que a trasladariamos. Estivemos tentándoo. Buscamos alternativas pero, finalmente, a única opción era o seu peche e o traslado da produción a Navia”, dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
O presidente da Xunta insistiu que a súa opción persoal era o traslado, pero que, debido a que non era posible, pensouse nos centos de postos de traballo que a empresa orixina en Pontevedra e no seu entorno. “Desde determinadas butacas é moi fácil falar disto”, dixo en alusión ás numerosas críticas que tivo a a prórroga da papeleira, especialmente, por parte do rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.
“Pero a alternativa era a súa continuidade ou que haxa máis paro na cidade de Galicia que xa ten máis paro”, replicou o presidente galego que insistiu que se elixiu a “mellor opción” pensando nos intereses económicos de Pontevedra, do seu entorno e dos traballadores. “Eu preferiría outra cousa pero a disxuntiva era o paro de centenares de persoas, dos camioneiros ou do sector forestal, ademais do gran impacto económico que tería no porto de Marín”, precisou.
En todo caso, o presidente da Xunta lembrou os compromisos adquiridos pola papeleira que se comprometeu a realizar inversións por valor superior aos 60 millóns de euros neses 50 anos. “Agora ten unha débeda importante con Galicia e con Pontevedra e agardemos que a cumpra”, concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.