Dobre ouro galego na Habana

O tudense Gustavo Rodríguez gaña o Campionato Iberoamericano de tríatlon de media distancia e a ferrolá Camila Alonso, en distancia sprint tras vencer na recta final á canadense Alexandra Coates.

Por gcdeportes | Compostela | 15/02/2016 | Actualizada ás 08:59

Comparte esta noticia

Principia ben para Galicia a tempada de tríatlon, con dous triunfos na Habana para Gustavo Rodríguez e Camila Alonso: o tudense, medalla de ouro no Campionato Iberoamericano de tríatlon de media distancia; a ferrolá, campioa en distancia sprint, na proba que se disputou esta fin de semana na Habana (Cuba).

O tudense Gustavo Rodríguez entra vencedor na meta da Habana.
O tudense Gustavo Rodríguez entra vencedor na meta da Habana. | Fonte: @FEGATRIPM

Trátase do primeiro triunfo do ano para Tavotui. O tudense estivo situado entre os mellores dende o primeiro segmento. Saíu da auga na terceira posición, despois de facer os 1.900 metros da natación nun tempo de 27:53, pero a dous minutos do italiano Casadei (25:31) e o cubano Carlos Rafael Rodríguez (25:33). Nos 90 quilómetros de bicicleta, Gustavo Rodríguez fixo un gran traballo e conseguiu o mellor tempo (2h:13:27) e así acadou a primeira posición da proba. E as cousas non mudaron nos 21 quilómetros de carreira a pé, onde novamente Gustavo foi o máis rápido (1h20:11). Deste xeito, acadou o triunfo cun tempo final de 4h:05:05, mentres que segundo foi o italiano Alberto Casadei a sete minutos e medio (4h:12:42) e bronce foi o checo Petr Vabrousek (04:34:47).

Mesmo resultado para Camila Alonso, que acadou na Habana o título de campioa Iberoamericana de tríatlon distancia sprint. A galega foi de menos a máis na proba. Comezou de forma discreta nos 750 metros de natación na marina de Hemingway, para meterse entre as mellores nos 20 quilómetros de bicicleta e decidir o triunfo nos 5 quilómetros de carreira a pé polo emblemático malecón habaneiro. Camila disputou o sprint coa canadense Alexandra Coates e foi máis rápida, para así acadar a primeira e importantísima vitoria do ano, cun tempo de 1h:01:40. Coates entrou dous segundos despois (1h:01:42). Este título apórtalle puntos para o ranking mundial de cara a disputar probas da Copa do Mundo. O bronce foi para a estadounidense Spivey Taylor cun tempo de 1h:01:49.

A ferrolá Camila Alonso, entre Alexandra Coates e Spivey Taylor.
A ferrolá Camila Alonso, entre Alexandra Coates e Spivey Taylor. | Fonte: @FEGATRIPM
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta