Por Ángela Precedo | LUGO | 17/01/2025 | Actualizada ás 21:50
En pleno século XXI os humanos tendemos a pensar que xa descubrimos todos os recunchos habidos e por haber na superficie terrestre, sen embargo, hai unha práctica que nos demostra ano tras ano que isto non é así: a espeleoloxía. Baixo os nosos pés agóchanse cavidades, pasadizos, camiños e túneles dos cales moitos si foron xa atopados, pero segue habendo outros tantos aínda por descubrir. Trátase de lugares que permaneceron impasibles ao paso do tempo e que levan sen recibir a visita de seres vivos quizáis centos ou milleiros de anos. No caso de Galicia, polas características da nosa orografía, as covas de granito e lousa non adoitan dar moito de si, pero aínda con todo vanse facendo periodicamente achados que reescriben a historia do noso subsolo, ao que arrodean lendas e misterios. Un deses últimos descubrimentos foi o que realizou un equipo duns 40 espeleólogos entre os que se atopaban Daniel Ballesteros e Benigno Iglesias na sima Aradelas. O Galicia Confidencial fala con Daniel, que nos conta máis detalles sobre esta exploración nas covas do Courel.
Como explica, "a sima Aradelas é a sima máis fonda de Galicia, situada no norte do Xeoparque Montañas do Courel", máis en concreto no municipio de Campelo, pertencente ao concello de Folgoso do Courel. "Os habitantes da contorna sempre estiveron moi involucrados nas exploracións e foron os que, a finais dos anos 70, levaron da man aos espeleólogos do Clube de Montañeiros Celtas de Vigo e do extinto Clube Santa Clara de Vigo ata a boca da cova e lles informaron de que aquela era a sima Aradelas", lembra. Con 150 metros de caída, o acceso á mesma está reservado unicamente a profesionais da espeleoloxía. Ballesteros conta que as exploracións deste grupo de 40 espeleólogos de Galicia e algúns de Asturias, pertencentes a un total de 10 clubes de espeleoloxía galegos e 2 asturianos, tiveron lugar entre xaneiro e xuño do pasado ano 2024. "Comezamos cunha pequena escaladiña nunha sala da cova e, de súpeto, atopámonos ante un feixe de novas galerías, pozos, salas, lagos, ríos... Foi un gran descubrimento que fixemos en tan só 6 meses", lembra. E é que en Galicia non é tan habitual atopar tantos espazos novos.
"No conxunto de España si que se atopan novas covas con relativa frecuencia", apunta Ballesteros, que sinala que "no país descóbrense arredor de 50 quilómetros de galerías, covas e pozos ao ano". Esta é unha particularidade de España que non se dá en calquera lugar, o que a convirte nun destacado lugar para a espeleoloxía a nivel mundial. Sen embargo, "no caso de Galicia, polas características a súa xeoloxía, isto non acontece tan a miúdo, porque realmente as covas adoitan atoparse en rochas como mármores ou calcáreas, mentres que Galicia é un territorio dominado polos granitos e pola lousa, polo que temos moi pouca rocha que poida dar lugar a esas covas". Aínda con todo, confesa que "cada certo tempo temos un pouco de sorte e atopamos novos condutos, polo xeral pequenas covas de 50 ou 100 metros". Pero o descuberto en Aradelas superou todas as expectativas, xa que "despois dun intenso traballo de moitos anos obtivemos os froitos e, de súpeto, pasamos dunha cova que tiña menos de 300 metros de desenvolvemento e percorrido a unha cova que hoxe en día xa supera os 2 quilómetros, e todo iso en só 6 meses".
"OS ESPELEÓLOGOS, CANDO ENTRAMOS NUNHA COVA, SEMPRE INTENTAMOS VER SE HAI UN POUCO MÁIS ALÓ DO QUE XA SE COÑECE"
Foi todo un reto que non está ao alcance de calquera, pois adentrarse nunha sima como Aradelas require de certos coñecementos en espeleoloxía. Como explica Ballesteros, "hai que estar especializado en espeleoloxía, unha actividade que na maior parte dos casos se considera de ocio e se practica durante o tempo de lecer". No caso desta sima, precísase "certo adestramento no uso de técnicas de corda, sabendo tanto subir como baixar pola mesma", así como "coñecemento de técnicas de exploración, de avance e tamén de topografía, porque tras o descubrimento elaboramos o mapa da cova e un pequeno modelo tridimensional da mesma". Así, ao longo dos 6 meses de exploración, participaron espeleólogos que contaban con poucos anos de experiencia xunto a espeleólogos cuxa experiencia superaba os 10 ou mesmo os 20 anos, organizados en equipos de dúas, tres ou catro persoas, que traballaban de forma simultánea na cova en cada incursión, o que "nos permitiu avanzar de maneira relativamente rápida".
E aínda que en ningún caso se imaxinaban as marabillas que lles tiña reservadas a cova, Ballesteros confesa que "realmente os espeleólogos, cando entramos nunha cova, sempre intentamos ver se hai un pouco máis aló do que xa se coñece". Con todo, confesa que a triste realidade é que "a maior parte das veces non atopamos nada, temos unha taxa de éxito moi baixa, pero os poucos descubrimentos que facemos son tamén os que nos motivan para seguir traballando". E é que este espeleólogo amósase convencido de que "realmente coa nosa formación e experiencia somos quen de atopar lugares novos na superficie do planeta aínda en pleno século XXI, mesmo aquí en Galicia", cando xa pensamos que temos todo descuberto. Pero asegura, sen lugar a dúbidas, que "o máis bonito xa non é descubrir algo, senón facelo cos teus compañeiros e amigos, grazas ao traballo en equipo".
A MAXIA DAS COVAS: LENDAS SOBRE OS MOUROS E OS SEUS TESOUROS E TEMOR ÁS SERPES VOADORAS QUE AS HABITAN NO COUREL
As covas galegas son lugares cheos de misterios aos que arrodean moitas lendas. "As covas, entendo eu, son lugares máxicos", considera Ballesteros, que asegura que puido comprobar durante as súas incursións nelas que "están na memoria de moita xente e moi presentes nas lendas de cada zona". E lembra que "en Galicia sempre se nos falou dos mouros e dos tesouros que podía haber nelas". Tamén se ten escoitado falar de que en Aradelas había xigantes voadores, como as serpes voadoras das que falan en moitos lugares do Courel. Por se isto fose pouco, as covas tamén "son os lugares onde se atopan moitos dos xacementos paleolíticos que se conservan no noso país, incluíndo os que hai en Galicia, como é o caso da cova de Eirós", o cal "ten unha impronta na nosa sociedade, sobre todo no mundo rural". No caso da sima Aradelas, tamén estaba envolta "nesa parte máxica de lendas e nese pensamento de que era un lugar escuro", porque "os veciños dende sempre tiveron coñecemento da entrada á cova, pero realmente nunca se adentraran nela, porque para baixar hai que descender por un pozo de máis de 20 metros de profundidade, o cal xa require empregar técnicas de espeleoloxía para poder facelo", conta este espeleólogo.
A primeira exploración nesta sima data do ano 1972 e nela, como nos conta Ballesteros, "empregáronse escalas metálicas para baixar, unha técnica que hoxe en día vese como algo moi rudimentario pero que naquel momento era a que se utilizaba". Naquel tempo adentrarse en Aradelas era todo un fito, pois "xa non só se trataba de entrar na sima como tal, senón de chegar ata ela, porque nos anos 70 ir ao Courel, co grao de incomunicación que tiña na época, e buscarse a vida a través do tren, do taxi ou do autobús para poder chegar alí co material, xa era unha odisea en si mesma". Pola contra, "hoxe en día somos quen de chegar en moi pouco tempo, estando alí nun par de horas dende calquera das cidades de Galicia e con mellores materiais", o cal "tamén é clave para atopar novos condutos", pero "naqueles anos o feito de chegar simplemente á boca da cova xa era bastante".
MÁIS DESCUBRIMENTOS: NOVA COVA AO NORTE DE CAMPELO E OUTRA NO MONTE CIDO
Agora, os espeleólogos galegos "seguimos traballando", porque, como reivindica Ballesteros, "o traballo dos espeleólogos non se detén cando atopamos algo novo, por moi impresionante que sexa, coma no caso de Aradelas". Así, e sempre en colaboración coa veciñanza local, é como puideron atopar otra nova cova ao norte de Campelo, a uns 500 metros de Aradelas, e outra máis no Monte Cido, situado fronte á Devesa da Rogueira, que ademais conta cun xacemento arqueolóxico romano que estivo en excavación tamén no 2024. Ademais, o espeleólogo apunta a que actualmente "hai moitos proxectos e exploracións en activo, como a da cova do propio Rei Cintolo, en Mondoñedo", aos que se suma tamén "a divulgación para que os nosos nenos e nenas poidan coñecer de primeira man as covas que temos na rexión".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.